- O concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Lois Suárez Becerra, fala da imaxe proxectada cara ao exterior o que provoca segundo as súas palabras “vernos profundamente danados”
Sada, 18 xaneiro de 2016
A Concellería de Promoción Económica, Turismo e Medio Ambiente denuncia unha vez máis que o Pazo de Meirás segue a provocar decepción e contrariedade aos visitantes que queren acceder a él debido que a que lles é imposible realizar a visita que teñen solicitada ou mesmo reservar día para facela o que ademáis provoca un prexuízo enorme para Sada a nivel económico e turístico só por poñer dous exemplos.
O concelleiro nacionalista, Xosé Lois Suárez Becerra, fala da imaxe proxectada cara ao exterior o que provoca segundo as súas palabras “vernos profundamente danados neste aspecto pois o que debería ser un foco de atracción para todos aqueles interesados no Patrimonio, na Memoria Histórica, na Cultura, etc., e que revertería beneficiosamente en Sada a todos os niveis non se está podendo explotar debido a o incumprimento manifesto e reiterado no que atinxe ao contido da declaración de Ben de Interese Cultural”.
Nestes meses estanse a recibir continuas queixas por parte de usuarios da Oficina de Turismo do Concello de Sada, nos perfís nas redes sociais e na propia concellería de Turismo relativas a esta problemática e para o concelleiro “as veciñas e veciños de Sada amosaron xa paciencia abondo con esta cuestión que no verán merma sensiblemente o catálogo de oferta turística a ofrecerlles aos visitantes pero tamén afecta o resto do ano”.
Hai que ter en conta que durante a administración presidida polo nacionalista López Soto de 2007 a 2011 acadouse a declaración de BIC sendo unha das motivacións principais a posibilidade de abrilo ao conxunto da veciñanza. “No seu momento- afirma o concelleiro- dirixinme á Dirección Xeral de Patrimonio ofrecéndome a Xestionar as visitas ao Pazo desde a Concellería e recibín unha contudente negativa baseada nunha vaga argumentación”.
Para o concelleiro “o Pazo debe estar ao servizo de todos e todas as sadenses e visitantes que queiran achegarse a él e non ser o cortello duns poucos. A miña obriga e ser celoso no cumprimento da Lei, na defensa dos dereitos das veciñas e veciños de Sada e na defensa do seu Patrimonio polo que veño de presentar un escrito dirixido á Dirección Xeral da área na que reclamo de xeito firme a resolución inmediata do caso; asemade solicito da Dirección a apertura dun expediente que depure responsabilidades con respecto aos citados incumprimentos. Cómpre reconducir e devolver esta situación á normalidade que non é outra que deixar de insultar a intelixencia dos sadenses e cumprir, punto por punto, o contido da declaración de Ben de Interese Cultural. Somos teimudos cando consideramos que unha carencia de atención coma esta supón ademáis unha deixadez de funcións polo que volto reclamar a xestión das visitas en beneficio do interese xeral e supremo de todos e todas pois será o mellor xeito de solucionar isto dadas as circunstancias. Cando semella que todos queren lavarse ás mans con respecto ao Pazo de Meirás, no Concello de Sada non temos problema en pórmos mans á obra”.