300 SOLICITUDES EN 4 DÍAS PARA VISITAR O PAZO DE MEIRÁS

01 / XUL / 2021

300 SOLICITUDES EN 4 DÍAS PARA VISITAR O PAZO DE MEIRÁS

O Concello de Sada expresa a súa satisfacción pola enorme demanda de solicitudes de visita ao Pazo de Meirás. Entidades memorialistas e vítimas e familiares de vítimas da ditadura serán as primeiras en visitar o BIC. O sábado, 3 de xullo, terá lugar unha visita institucional das corporacións municipais sadenses  desde o 2007.

FOLLETO "GÚIA PARA VISITAR O PAZO DE MEIRÁS"

Desde o pasado sábado, día no que o Concello de Sada anunciou que a partir de mañá xoves 1 de xullo abriranse as portas do Pazo de Meirás, tense recibido preto de 300 solicitudes para realizar la visita polos xardíns nunha visita de hora e media de duración e na que ofrecerase unha explicación xeral acerca da orixe e evolución da finca, cos dous momentos importantes, a época de Pardo Bazán coa construción das Torres e  a partir de 1938 como uso de residencia de verán de Franco e a explicación do proceso de obtención e detentación da propiedade polo ditador.

Tal foi a demanda que o Concello de Sada compretou en catro días todas as visitas guiadas desde o domingo 4 ao domingo 11 de xullo.

Antes, desde mañá xoves e ata o sábado, o Concello de Sada convidará a sadenses vítimas do franquismo, familiares de executados, asociacións memorialistas galegas, familiares de Isaac Díaz Pardo e Alexandre Bóveda e persoas destacadas e historiadoras/es para visitar o Pazo de Meirás.

Represaliados sadenses da ditadura como Amable Carballeira, presos galegos do franquismo como Xan Castro, Xesús Diaz ou Manuel Villares e familiares de destacados loitadores contra a represesión franquista como Amalia Bóveda, filla de Alexandre Bóveda, Camilo e Xosé Díaz, fillos de Isaac Díaz Pardo ou María Flor Baena, irmá de Humberto Baena Alonso, unha das últimas persoas  executadas polo franquismo, fusilado o 27 de setembro de 1975 en Hoyo de Manzanares; serán as primeiras personas que visiten o Pazo de Meirás

Xunto a eles estarán presentes representantes de asociacións memorialistas como a Asociación para a dignificación das vitimas do fascismo, a Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36, a ARMH de Marín, a Fundación Alexandre Bóveda, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, a Asamblea Republicana de Vigo Amig@ da República, a CRMHB (Barbanza), o Instituto de Estudos Miñoranos, a Fundación Luis Tilve e a sadense Asociación Irmáns Suárez Picallo.

“Non son todas as asociacións nin todas as persoas vítimas do franquismo as que poderán acceder nestes primeiros tres días de visitas debido ao cupo dos grupos polas medidas COVID , sinalan desde o Concello de Sada, pero nos vindeiros días seguiremos a contactalos para visitar o Pazo de Meirás, lugar simbólico de recuperación da memoria histórica, logo de ser recuperado e incorporado ao patrimonio público”.

O concello de Sada tamén informa que o sábado 3 de xullo terá lugar unha visita institucional á que se convidará tamén a todas as persoas que formaron parte das corporacións sadenses desde o ano 2007 ata o momento, tendo en conta que a declaración BIC do 2008 tivo como antecedente, entre outros, un acordo do Pleno da Corporación de agosto do 2007 no que se instaba da Xunta á declaración BIC, que así foi declarado o ano seguinte, no 2008.

Arquivado en