As antigas instalacións escolares da escola infantil de Carnoedo reconverteranse en centro social. A medida está xa en marcha e no pleno da semana pasada apoiouse solicitar unha axuda da Deputación con este fin.
Sada, 4 maio 2021.
A Xunta de Galicia pechou a escola infantil de Carnoedo no 2018 tras o arranque do curso. Educación xustificara a medida pola baixa demanda e as alumnas pasaron ao centro de Mondego no 2019. Desafectada do uso educativo, o goberno local solicitará agora unha axuda por 140.000 euros para a execución do proxecto de reforma co compromiso de asumir a partida de 76.742 euros para a súa parte do financiamento. En total está previsto que se invistan no centro 216.742 euros.
A escola, situada nunha parcela de 2.155 metros cadrados que dá á estrada AC-163 desde Sada a Mera, conta actualmente con 616 metros cadrados construídos, 148 metros cadrados destinados a uso deportivo, 31 a almacén e 402 para pista de deportes.
Elevador e sala de ensaios
O proxecto contempla actuar na planta baixa e alta. Non se modificará a estrutura xeral do edificio, nin o seu volume, pero si se mellorará a súa accesibilidade e o confort da construción. Neste sentido, está prevista a instalación dun elevador, á beira esquerdo da escaleira, mentres que á dereita cambiaranse os aseos existentes para facelos accesibles.
Na planta baixa crearase unha aula infantil-ludoteca e un ximnasio. Mentres que na parte superior habilitaranse varios espazos destinados ás asociacións e clubs deportivos do municipio, para organizar reunións e atender aos seus asociados.
Nesta parte alta está previsto distribuír o espazo entre unha sala de reunións, catro despachos e unha sala de ensaios. Neste sentido, indícase que a sala de música se insonorizará na medida do posible.
No interior está previsto aumentar o confort térmico e acústico do inmoble renovando os acabados e instalando falsos teitos con illamento, ademais de acometer melloras na fachada, saneando e reparando as fisuras.
Este proxecto parte das conclusións das reunións impulsadas pola concellaría de Participación Cidadá, xestionada por Rebeca Mouriño, nas que convocou a todo o tecido asociativo e os grupos da corporación para abordar propostas e necesidades. "O resultado final é froito do traballo de todas e todos", recoñece Mouriño, que estimou que teñen "a sorte de contar cun gran tecido asociativo que impulsa ao Concello a traballar para habilitar espazos municipais que promovan a diversidade e a integración".
As praias da zona darán nome aos espazos
A asociación veciñal de Armental, unha da que participou nos encontros con Participación Cidadá, achegou xa o seu grao de area ao novo proxecto, trasladando os topónimos das praias de Carnoedo ás distintas estancias, "o que conectará o novo espazo multiusos coas raíces dá parroquia", subliña Mouriño.