-A aprobación do PXOM ademais de dotar de seguridade xurídica todas aquelas inversións que se queiran levar a cabo no Concello de Sada permitirá iniciar estratexias de desenvolvemento en relación ás areas industriais e terciarias do Concello.
Sada, 8 abril 2017
O desenvolvemento da zona industrial do Espírito Santo, a carón da áreas industriais dos Concellos de Cambre e Bergondo, con seis sectores urbanizables e 620.466 metros cadrados de superficie bruta total debe de enmarcarse dentro dunha actuación estratéxica metropolitana de cara a dotar de chan a todas aquelas empresas e institucións que queiran implantarse na nosa área.
O atractivo da zona, cunha rede de infraestrutura viaria moi preto, dentro da área metropolitana da Coruña faría que se puidesen instalar, por exemplo, empresas dedicadas á loxística.
Asemade, os dous sectores urbanizables de Meirás (Pé do Muiño con 46.609 e A Cañota con 86.928 metros cadrados de superficie bruta), o de Osedo con 75.870 metros cadrados de superficie bruta e o sector novo no Tarabelo con 41.966 metros cadrados de superficie bruta, poñen a disposición dos inversores terreos para a implantación de actividades propias do sector terciario, caracterizadas pola prestación de servizos de distinta natureza como o comercio, a administración, financeiros, restauración e aloxamentos turísticos, etc.
A reordenación destas áreas levarían consigo unha mellora dos equipamentos e dotacións públicas da zonas onde se encadran.
No que respecta ao enclave do Polígono do Tarabelo e dadas as condicións do parcelario, de ocupación e edificación existentes, o PXOM deixa dentro de ordenación o ámbito existente.
En definitiva, lograr que o noso concello sexa atractivo cara as inversións empresariais permitiría poñer en marcha políticas activas de emprego para acadar novos nichos de emprego tanto para o Concello de Sada como para o conxunto da Comarca de A Coruña.