A Capela de San Roque acolle até o próximo día 31 a exposición “Á violencia de xénero, dille non”, unha iniciativa organizada pola concellería de Benestar e Igualdade que chega a Sada a través da Secretaría Xeral de Igualdade.
Sada, 20 xaneiro 2020.
Sada acolle a exposición “Á violencia de Xénero, dille Non” para concienciar á poboación, especialmente aos máis novos, “daqueles estereotipos de xénero que enturban a relación de parella”, sinala Isabel Reimundez concelleira de Benestar e Igualdade.
A mostra de once paneis, de 70 x 100 centímetros, axudan a recoñecer, identificar e rexeitar condutas nocivas como o control, a manipulación, o abuso, a “sextorsión”, a chantaxe emocional e outras formas de malos tratos.
“Nos carteis, sinala a concelleira, reflíctense formas de exercer a violencia que case sempre lle pasan desapercibidos a quen a sofren e, nalgunhas ocasións, tamén a quen a exerce por tratarse dun modelo normalizado pola cultura e a sociedade que cala con forza na adolescencia”.
A exposición que organiza a concellería de Igualdade é unha iniciativa da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia.