A Casa da Cultura Pintor Lloréns de Sada acolle a mostra "O Camiño ilustrado", unha viaxe pintada por Alicia Aradilla da man do Concello de Sada e Afundación
A Casa da Cultura Pintor Lloréns de Sada acolle a mostra O Camiño Ilustrado. Unha viaxe pintada por Alicia Aradilla, da man do Concello de Sada e Afundación, no marco da celebración do Xacobeo. A exposición recolle 60 acuarelas realizadas pola recoñecida ilustradora e autora de cadernos de viaxe.
O Camiño de Santiago é a ruta máis antiga, transitada e aplaudida de Europa. Leva centos de anos cativando toda aquela persoa que se anima a descubrilo e vivilo, o que explica que sexan moitos os e as artistas que sentiron atracción por el e o converteron en fonte de inspiración e temática da súa obra. Unha destas artistas é Alicia Aradilla, recoñecida acuarelista de viaxes que aos seus 29 anos apañou o respecto de boa parte do público e da crítica.
A exposición O CAMIÑO ILUSTRADO recolle un conxunto de acuarelas que reflicten a súa visión e as súas vivencias. Aspira a ser un caderno de viaxe que nos conecte co Camiño de Santiago e nos faga partícipes de toda a súa riqueza e forza a través das súas pinceladas repletas de frescura e sensibilidade.
Esta exposición conta ademais cun alto compoñente social ao estar dentro das programadas baixo o lema "Cultura por Alimentos". Á entrada da Casa dá a Cultura está dispoñible unha mesa para que as personasque deséxen poidan realizar unha doazón de alimentos cando visiten a mostra
Ao acto de inauguración, celebrado onte, acudiron o alcalde, Benito Portela; a concelleira de Cultura, Paola Mondaca; o coordinador institucional de Abanca, Manuel Vilariño Orgeira, e a coordinadora de Afundación, Beatriz Aler.
LUGAR: Casa da Cultura Pintor Lloréns. Avenida do Porto, s/n. Sada (A Coruña)
CANDO?: Do 24 de outubro a 28 de novembro.
HORARIO: Luns a venres 9.00 a 14.00 e 16.00 a 20.00 h. Sábados 10.00 a 13.00 h. Tardes do sábado e domingos dependendo das actividades do Auditorio