A Casa da Cultura de Sada acolle a exposición "En Familia, por dereito" ata o 31 de outubro

24 / OUT / 2017

A Casa da Cultura de Sada acolle a exposición "En Familia, por dereito" ata o 31 de outubro

-O obxectivo desta iniciativa conveniada coa concellería de Benestar é dar a coñecer o Programa de Acollemento Familiar, xestionado por Cruz Vermella.

- A Organización busca extender a rede de familias que poidan acoller temporalmente a menores que por diversas razóns non poden convivir cos seus proxenitores.



Sada 24 outubro 2017.

Grazas a un acordo co Concello de Sada, a través da concellería de Benestar, a Casa da Cultura Pintor Lloréns acolle ata o 31 de outubro a exposición "En Familia, por dereito", co obxectivo de dar a coñecer o programa de Acollemento Familiar da Xunta de Galicia e que na comunidade autónoma xestiona Cruz Vermella. En concreto, a Organización encárgase da captación, formación e seguimento das familias que desexen acoller no seu fogar a un menor debido a calquera situación que impida a súa estancia coa súa familia biolóxica durante o tempo que sexa necesario.

O obxectivo deste programa é que menores entre 0 e 17 anos que non poden convivir cos seus proxenitores por diversas circunstancias poidan seguir desenvolvéndose nun ambiente familiar mentres estas situacións non se solucionan, como fórmula alternativa a un centro de menores.

Para iso, é prioritario desenvolver unha rede de familias o máis ampla posible que poidan acoller a un ou varios menores durante o tempo necesario, e poden integrala tanto avós como pais con e sen fillos, familias monoparentais e persoas solteiras, co fin de responder ás distintas necesidades. Deste xeito búscase protexer o dereito de todos os nenos e nenas a vivir e crecer nunha familia, como o mellor contexto para o seu crecemento persoal, a súa formación en valores sociais e as súas perspectivas de futuro.

Na actualidade, 148 familias da provincia da Coruña forman parte da rede e 107 nenos e nenas están en situación de acollemento. Con todo, na comarca hai menores que esperan ser acollidos e necesítanse familias para acollementos permanentes de nenos maiores de 8 anos, grupos de irmáns, nenos e nenas con dificultades de aprendizaxe ou algún tipo de discapacidade.

Todas as persoas interesadas en participar neste programa ou ter máis información poden visitar a web www.acogimientofamiliar.org ou contactar co equipo de familias acolledoras de Cruz Vermella no teléfono gratuíto 900 812 880.

Arquivado en