A corporación do Concello de Sada aprobou provisionalmente no Pleno Ordinario do mes de maio o Plan Xeral de Ordenación Municipal.
Sada 27 maio 2017
O Goberno Municipal de Sada, a través da Concellería de Urbanismo e Emprego, xa ten publicado na web municipal o PXOM aprobado no pleno ordinario do pasado xoves. A publicación na web municipal deste documento obecede á intención de que a cidadanía poida coñecer os cambios que se fixeron e as súas razóns.
O goberno de Sada lembrou no transcurso do pleno que o Plan Xeral foi aprobado provisionalmente polo Pleno do Concello de Sada o 17/03/2016 e de seguido foi remitido á Xunta de Galicia para que efectuará dentro das súas competencias a aprobación definitiva.
A consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, unha vez analizado o PXOM, puxo de manifesto unha serie de deficiencias para que, unha vez subsanadas e corrixidas, poida ser aprobado definitivamente.
O goberno municipal adaptou o documento á orde da Xunta de Galicia corrixindo as observacións e advertencias sobre a existencia de erros e deficiencias documentais e realizou a adaptación do PXOM ás cuestións relacionadas coa lexislación urbanística. Asemade realizou cambios complementarios ao contido da orde da Xunta relativas ao Pazo de Meirás, Cerámicas de O Castro e as Parroquias de Veigue e Carnoedo.
O documento definitivo, que está a disposición de todos os veciños e veciñas na web municipal, contaba co dictame favorable da corporación que o pasado luns pola mañá reuniuse na Comisión de Urbanismo e na Comisión do Pleno e será remitido novamente á Xunta para a súa aprobación definitiva.