O presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, visitou hoxe o concello de Sada e percorreu xunto ao alcalde, Benito Portela, as zonas inundadas no día de onte.
31 de Marzo de 2016
A Deputación da Coruña compromete apoio técnico e económico aos concellos de Sada e aos concellos da provincia afectados polas importantes inundacións rexistradas onte.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso visitoun durante a mañá de hoxe o concello de Sada, un dos municipios máis afectados polas inundacións, que durante a xornada de hoxe recupera pouco a pouco a normalidade
O presidente provincial visitou a primeira hora desta mañá, xunto co alcalde Benito Portela, algunhas das rúas máis afectadas e falou cos comerciantes e residentes da zona, xa que a maioría dos desperfectos producíronse en vivendas e establementos comerciais.
González Formoso trasladou o apoio da Deputación ao alcalde e aos veciños de Sada e aos dos numerosos municipios onde se rexistraron inundacións e afirmou que a Deputación pon a disposición destes municipios "todo o apoio técnico que precisen e, unha vez feita a evaluación de danos e na medida das nosas posibilidades, tamén económico", a través dos plans provinciais ou de "achegas extraordinarias", que poidan servir tamén para "a mellora de infraestruturas e a prevención de futuros danos".
O rexedor sadense, Benito Portela, destacou que xa se eliminou a totalidade da auga das rúas, pero que aínda queda "o mais problemático", en referencia ás numerosas vivendas, garaxes e establecementos comerciais afectados pola auga e que presentan "danos cuantiosísimos", polo que o municipio presentará no pleno desta tarde unha moción para a declaración de "zona catastrófica".