A Exposición da Camelia de As Mariñas amplía a presenza sadense nesta segunda edición

15 / MAR / 2018

A Exposición da Camelia de As Mariñas amplía a presenza sadense nesta segunda edición

-O número de expositores duplícase aumentando a presenza da flor dos xardíns de Sada.

Sada, 15 de Marzo

O ano pasado a capela de San Roque quedou pequena ante o interese dos veciños de Sada por visitar a Exposición da Camelia das Mariñas o cal motivou que este ano sexa a Casa da Cultura Pintor Lloréns o lugar escollido para a súa montaxe os días 24 e 25 deste mes de marzo.

O concelleiro de Medio Ambiente, o nacionalista Xose Lois Suárez Becerra recoñece que este ano o número de asistentes supera ao do ano pasado pero, sobre todo, está moi satisfeito “polo incremento dos expositores pertencentes ao noso Concello”.

“De feito, incide Becerra,  temos varios veciños apuntados na que será a súa primeira experiencia como expositores e teñen moita ilusión por participar nunha mostra deste tipo e iso é o que queremos alcanzar: a presenza da flor dos xardíns de Sada, de Oleiros ou de Betanzos para potenciar e arraigar esta actividade máis implantada e xeneralizada noutras provincias galegas”.

Como xa aconteceu o ano pasado o Pazo de Mariñán, grazas a Deputación Provincial da Coruña, terá un papel importante nesta exposición que espera converterse nun referente do mes de marzo nas Mariñas Coruñesas polo que a inauguración da mesma contará coa presenza dun responsable provincial. Inauguración que terá lugar o sábado, 24 de marzo, ás 17:00 horas.

Na mostra tamén participan expositores de Domaio, Santiago de Compostela ou Tui entre outros lugares. O sábado a mostra estará aberta ata ás 20:00 horas e o domingo, día 25, de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas.

Así mesmo continua aberta ao público “Camelias” a exposición da fotógrafa madrileña Tatiana Oller baseada na mostra realizada o ano pasado e recreada nun branco e negro que mostra unha camelia de conto, delicada e cun xogo de luces e sombras que non estamos adoitados ver e que sorprende a quen a visita nas instalacións do Pintor Lloréns.

 

Arquivado en