A Fundación Salma informará e recollerá firmas en Sada para a creación dunha lei galega de saúde mental

15 / NOV / 2021

A Fundación Salma informará e recollerá firmas en Sada para a creación dunha lei galega de saúde mental

O sábado 27 de novembro a Fundación Salma terá habilitado un posto no Feirón de Sada para recoller firmas e informar sobre a iniciativa Lexislativa Popular para a creación dunha lei galega de Saúde Mental

Fundación Salma (Fundación para o coidado da Saúde Mental en Galicia)

A saúde mental non debe ser un privilexio

Os problemas de saúde mental afectan directamente ao 25% da poboación,pero non todas as persoas poden permitirse o acceso aos servizos necesarios para o seu coidado. O problema non desaparecerá por si mesmo: sen recursos humanos e materiais suficientes para satisfacer as necesidades da poboación, os problemas de saúde mental e as súas consecuencias tenden a empeorar: as readmisións, as adiccións, as enfermidades derivadas e a exposición á marxinación e a exclusión social aumentan. Se se descoida, o problema esténdese tamén a familiares e amigos que, ao asumiren os coidados sen axuda, acaban poñendo en perigo a súa estabilidade laboral e económica, e a súa propia saúde mental.

Se non lle dedicamos a atención e os recursos necesarios, os problemas de saúde mental e as súas consecuencias tenden a empeorar, dificultando o tratamento, estendéndose aos familiares e amigos íntimos e provocando que aparezan situacións de marxinación e exclusión social.

A saúde mental cerca das persoas

Na actualidade, e debido á falta de alternativas, os médicos de familia intentan aliviar os problemas de saúde mental prescribindo ansiolíticos e antidepresivos ou remitíndose a consultas especializadas, que poden demorarse ata seis meses. A lei galega de saúde mental busca achegar o servizo ás persoas, e acadar unha atención integral e integrada na comunidade. Para iso, propón a creación de unidades de saúde mental especializadas en centros de saúde de Atención Primaria, que permitan acceder a servizos cos mesmos tempos de espera e nas mesmas condicións que para calquera outro tipo de enfermidade física.

A saúde mental debe coidarse dende a infancia

A OMS advirte que a metade dos trastornos mentais aparecen antes dos 14 anos. Detectalos cedo pode evitar o empeoramento de moitas patoloxías, que se fan crónicas e que a miúdo levan a situacións de exclusión social. Por desgraza, en Galicia os medios para detectar e tratar a saúde mental a idades temperás non son suficientes para cubrir as necesidades. A lei galega de saúde mental propón crear programas específicos para nenos e adolescentes coordinados con centros educativos, dispositivos enfocados a priorizar os casos de acoso, malos tratos ou maltrato, e crear centros especializados para axudar ás familias, á altura dos estándares do resto dos países europeos.

A lei galega de saúde mental propón un compromiso firme coa detección e prevención precoz de problemas de saúde mental, reforzando os dispositivos dedicados ao diagnóstico e coidado durante a etapa infantil-adolescente.

Precísase reforma estrutural non un retoque

Para poder equipararse ao resto de comunidades e países europeos, a saúde mental en Galicia precisa unha xestión máis eficaz e transparente.  A lei promove a coordinación de todas as disciplinas que traballan para a saúde mental para garantir a continuidade dos coidados, algo fundamental para facilitar a inclusión social e a sustentabilidade.

A pesar dos esforzos realizados por moitos colectivos nos últimos anos, a situación de saúde mental en Galicia segue sen cubrir as necesidades da poboación. Pequenas modificacións non son suficientes para reconducir esta situación, é preciso adaptar o modelo sociosanitario aos estándares estatais e europeos. A lei galega de saúde mental promove unha maior  transparencia e avaliación continua dos resultados e aposta por un modelo no que se coordinen os esforzos de todos os profesionais dedicados á saúde mental. Un modelo máis eficaz debe ter alternativas de vivenda que garantan a continuidade asistencial, promovendo unha autonomía persoal que permita a inclusión social e laboral na comunidade, como forma de evitar a cronicidade e a rápida evolución das discapacidades, os reingresos continuos, a redución do gasto farmacéutico e hospitalario.

A lei galega de saúde mental establece responsabilidades e obrigacións claras. Unha lei garante que o compromiso de mellorar a saúde mental é duradeiro e estable no tempo, dando aos compromisos unha seguridade que os plans e programas non poden acadar por si mesmos.

Os plans e estratexias de saúde mental son necesarios e útiles, pero son figuras flexibles cuxos obxectivos adoitan abandonarse a medio prazo. Como indica a propia OMS, tenden a permanecer no ámbito teórico e das boas intencións, e un exemplo disto é a estratexia estatal do 2006, cuxo seguimento caeu no esquecemento poucos anos despois de ser aprobada. A lei galega de saúde mental establece claramente as obrigas e responsabilidades, de xeito que o compromiso coa saúde mental sexa estable no tempo e se manteña a longo prazo

 

 

Arquivado en