O concerto terá lugar o domingo 13 de agosto e forma parte das accións que pretende impulsar a Concellaría de Cultura para que a vila sexa un polo de atracción de miles de persoas e que iso repercuta en beneficio da hostalaría e o comercio.
Sweet California, Carlos Bau, Fania Branco Show, Os Satélites, Panorama, Gran Parada e un Festival de Rap con Wöyza e Hard GZ conforman o programa das Festas de San Roque.
Sada, 7 de xuño 2017
A concelleira socialista de Cultura e Praias, María Pardo, fixo público o programa definitivo de concertos e orquestras das festas patronais de Sada que se celebrarán en agosto. Unha planificación ambiciosa que contará co único concerto gratuíto en Galicia das Sweet California como cabeza de cartel.
O programa está deseñado para conectar con todos os públicos e este ano contará con oito xornadas festivas. O pistoletazo de saída terá lugar o sábado 12 de agosto coa conmemoración do Día Internacional da Mocidade, día no que se celebrarán diversos concertos de rap e actividades dirixidas aos máis novos en colaboración coa concellaría de Educación, Mocidade e Saúde.
O domingo 13 ás 21 horas chega o prato forte da programación: o concerto das Sweet California. A "girlband" española dará en Sada o único concerto gratuíto que teñen programado en Galicia ata o momento. Unha gran ocasión para que mozas e adultos gocen xuntos dunha das bandas de moda e un investimento que impulsará o tecido económico e comercial de Sada ao atraer a miles persoas de todo Galicia.
O luns 14 será Carlos Bau o que amenice a noite coas súas versións da música pop dos anos 80. Posteriormente, as orquestras Fania Branco Show (15 de agosto), Los Satélites (16 de agosto), Panorama (17 de agosto) e Gran Parada (18 de agosto) completarán as noites musicais do San Roque sadense.
O colofón final terá lugar durante o fin de semana (19 e 20 de agosto), momento no que se celebrarán dúas xornadas de festa infantil. Durante estes días os máis pequenos poderán gozar nos xardíns do Paseo Marítimo de diferentes actividades acuáticas monitoradas, inchables, xogos temáticos ou espectáculos.