A intervención do alcalde cos veciños consegue a dotación de 300 novas prazas de aparcadoiro gratuito para Sada

20 / XUN / 2016

A intervención do alcalde cos veciños consegue a dotación de 300 novas prazas de aparcadoiro gratuito para Sada

-O alcalde asinou nos últimos días varios convenios cos propietarios de parcelas no centro urbano polos que o Concello consegue 8.500 metros cadrados de espazo libre no centro de Sada que acondicionará como aparcadoiro nos próximos días.

-Augas de Galicia xa enviou ao Concello as autorizacións para o acondicionamento dos terreos na zona das Brañas así como para a eliminación de especies invasoras como a Cortaderia.



Sada, 18 xuño 2016.

O alcalde de Sada, Benito Portela, anunciou a pasada semana, logo da celebración da Xunta Local de Seguridade, que estaba a se reunir cos propietarios de varias parcelas no centro urbano de Sada para conveniar a súa cesión temporal ao Concello e acondicionalas como aparcadoiro público gratuíto.

Esta intervención de Portela cos veciños deu como resultado que nos próximos días habilitaranse preto de 8.500 metros cadrados de terreos nos que o Concello realizará as obras necesarias para o acondicionamento como aparcadoiro público así como as necesarias para o seu mantemento e conservación.

En total os servizos técnicos do concello de Sada estiman que poden habilitarse 300 novas prazas de aparcadoiro gratuíto en dúas zonas das Brañas. Unha diante do campo de fútbol das Mariñas-Andrés Pena, que xunta unha parcela municipal con outras parcelas de varios propietarios e que ocupa unha superficie aproximada de 6.500 metros cadrados. E outra zona de aparcadoiro á beira da canalización do río nas Brañas paralela á rúa Cambre de 2.000 metros cadrados aproximadamente.

Portela sinala as necesidades históricas de aparcadoiro existentes no centro de Sada, sobre todo en época estival, "grazas sobre todo aos veciños propietarios poderemos habilitar novas zonas de aparcadoiro gratuítas".

A intervención do alcalde nas reunións cos propietarios segue mentres as parcelas comezan a acondicionarse a partir do luns. "Xa temos dúas zonas de aparcadoiro nas Brañas para as que Augas de Galicia deunos autorización de acondicionar pero non serán as únicas xa que temos reunión con varios propietarios para habilitar máis parcelas e aumentar os aparcadoiros gratuítos". 

O concello remitiu a Augas de Galicia unha solicitude para acondicionar os terreos como aparcadoiros pero tamén para erradicar da zona especies invasoras como a Cortadería que nos últimos anos está a supor un problema para o ecosistema na área metropolitana.

Esta planta orixinaria de América do Sur ten un crecemento moi rápido. "É unha especie, sinala Portela que ademais extingue plantas autóctonas e termina causando perdas económicas en agricultura e no sector forestal polo que solicitamos a Augas de Galicia a súa eliminación nas zonas de contacto coas Brañas que realizaremos á vez do acondicionamento dos aparcadoiros".

ortela confía en que a dotación de 300 novas prazas de aparcadoiro contribuirá á dinamización do pobo, "é de interese do goberno local contar con novos espazos de aparcadoiro namentres non se produza a aprobación definitiva da PXOM e a súa xestión para a obtención de novas dotacións de aparcadoiro".

Os propietarios mostraron a súa conformidade ao feito que o Concello destine ás súas parcelas a aparcadoiro público polo prazo dun ano desde a formalización do convenio, aínda que, de transcorrer o prazo propietarios e Concello quixesen amplialo, prorrogarase de maneira inmediata por períodos sucesivos dun ano até un máximo de catro.

Por medio do convenio serán a cargo do Concello o acondicionamento dos terreos para o seu destino efectivo a aparcadoiro público, tendo que realizar as tarefas necesarias para o acondicionamento das parcelas así como os traballos de mantemento e conservación.

"A intervención no acondicionamento será mínimo, sinala Portela, ao tratarse dunha zona sensible non se eliminará vexetación típica de humidais coa dobre función de aumentar a oferta de aparcadoiro e pór en valor o perímetro do ENIL".

Arquivado en