-Cultura establece un premio de 400€ para as compañías seleccionadas na fase da Mostra, un premio de 400€ ó mellor espectáculo para o xurado e un premio de 300€ ó mellor espectáculo para o público. A estatuiña dos “Premios Lugrís Freire” recoñecerán á mellor actriz e o mellor actor
-A Mostra de teatro de Sada poderá seguirse do 2 ao 16 de abril na Casa da Cultura Pintor Lloréns
- FICHA DE INSCRIPCIÓN DE COMPAÑÍAS TEATRAIS
Sada, 24 febreiro 2016.
A Concellería de Cultura, xestionada por Marcos Villar, dentro das súas competencias na promoción da participación cultural activa da poboación, programa un encontro de Teatro Afeccionado, que celebra este ano a súa duodécima edición.
O certame pretende mostrar a creación teatral de compañías de carácter afeccionado, e ó mesmo tempo servir de plataforma que faga visible, dea impulso e fortaleza este sector de creación cultural.
“As compañías de teatro afeccionadas, sinala Marcos Villar, achegan a un amplo sector de poboación a creación dramática e serven de viveiro para facer emerxer novos talentos artísticos. Para esta concellería, unha das finalidades máis importantes da Mostra de Teatro é o de consolidar e aumentar o público interesado nas creacións artísticas, ademais de ser consecuentes coa labor de formación e promoción cultural que se leva a cabo dende a Escola e a Compañía Municipal de Teatro”.
A Mostra de Teatro do Concello de Sada pretende fomentar a cultura en xeral e as artes escénicas en particular. Configúrase como unha cita anual na que teñan cabida os traballos presentados por compañías de teatro amateur para servir de impulso favorecedor da participación popular na cultura e promover o teatro como medio de enriquecemento cultural dos veciños e veciñas.
Con este certame inténtase achegar máis o teatro á poboación de Sada, ofrecendo unha visión do panorama do teatro amateur que se fai non só dende Galicia, senón que, na medida en que se apunten e saian seleccionadas, tamén noutras comunidades autónomas.
Ademais, a Mostra pretende estimular e fomentar a participación cidadá activa, canalizada a través da actividade da Escola Municipal de Teatro de Sada. Por último, a Compañía Municipal de Teatro do Concello de Sada atopa nesta Mostra o lugar ideal no que facer a estrea das súas obras, sendo un escaparate axeitado para os demais grupos de teatro afeccionado da localidade.
Premios
Establécese un premio de 400€ para as compañías seleccionadas para a fase da Mostra, que deberán representar a súa obra no auditorio municipal nas datas establecidas para a fase de concurso da XII Mostra.
Ademais otorgarase un premio de 400€ ó mellor espectáculo para o xurado en base a criterios artísticos de calidade do texto escollido/creado, posta en escena, calidade das actuacións, escenografía, vestiario, uso do espacio escénico, proposta artística de iluminación e son. Tamén dotase dun premio de 300€ ó mellor espectáculo para o público, mediante a puntuación media acadada na votación directa que se organizará despois de cada función.
Haberá un recoñecemento do xurado á mellor actriz e o mellor actor onde valorarase a expresión corporal, a proxección da voz e a dicción, o traballo de construcción das personaxes, a coherencia da emoción que motiva a acción dos actores/actrices ó servicio das necesidades da historia que conta a obra. O premio será recoñecido con diploma e coa estatuíña oficial dos “Premios Lugrís Freire”.