A Mostra de Teatro de Sada remata coa Gala de Premios e a representación da obra Maniféstate de Andaravía Teatro

15 / ABR / 2016

A Mostra de Teatro de Sada remata coa Gala de Premios e a representación da obra Maniféstate de Andaravía Teatro

-A Concellería de Cultura establece premios de 400€ ao mellor espectáculo para o xurado e de 300€ ao mellor espectáculo para o público. A figura dos Premios Lugrís Freire recoñecerá á mellor actriz e ao mellor actor

-A Mostra de Teatro de Sada rematará mañá sábado 16 de abril cunha gala de clausura que incluirá un espectáculo teatral e a entrega de premios.

Sada, 14 abril 2016

 

A Mostra de Teatro afeccionado de Sada organizada pola concellaría de Cultura, e que este ano celebraba a súa duodécima edición, rematará mañá sábado 16 de abril cunha gala de clausura que incluirá un espectáculo teatral e a entrega de premios.

O certame mostrou a creación teatral de compañías de carácter afeccionado e ao mesmo tempo serviu de plataforma para dar impulso e fortaleza este sector de creación cultural.

Este ano presentáronse 32 obras a este certame das cales se seleccionaron un total de catro para a fase final da mostra que representaronse os pasados días. “Con este certame, sinala Marcos Villar, achegamos un pouco máis o teatro á poboación de Sada, ofrecendo unha visión do panorama do teatro amateur que se fai non só desde o noso ámbito senón que, na medida en que se apunten e saian seleccionadas, tamén noutras comunidades autónomas”.

Gala de Clausura

A concellaría de Cultura, xestionada por Marcos Villar, programa para o sábado 16 de abril a Gala de clausura da Mostra de Teatro onde se entregarán os premios as distintas compañías e actores e onde tamén se representará a obra Maniféstate de Andaravía Teatro

A Mostra outorgará un premio de 400€ ao mellor espectáculo para o xurado en base a criterios artísticos de calidade do texto escollido/creado, posta en escena, calidade das actuacións, escenografía, vestiario, uso do espazo escénico, proposta artística de iluminación e son. Tamén se dota dun premio de 300€ ao mellor espectáculo para o público, mediante a puntuación media conseguida na votación directa que se recolleron despois de cada función.

Finalmente haberá un recoñecemento do xurado á mellor actriz e ao mellor actor onde se valorará a expresión corporal, a proxección da voz e a dicción, o traballo de construción dos personaxes, a coherencia da emoción que motiva a acción dos actores/actrices ao servizo das necesidades da historia que conta a obra. O premio será recoñecido con diploma e coa figura oficial dos Premios Lugrís Freire.

Arquivado en