O Concello agarda pola autorización de Patrimonio para sacar a concurso os traballos - Dá un prazo de tres meses para instalar a cuberta e substituír o muro
Sada 9 maio 2018
O Concello ultima os trámites para sacar a concurso a instalación dunha cuberta no patio escolar do colexio Sada e Contornos. O Executivo liquidou unha serie de deficiencias no proxecto inicial a petición da Dirección Xeral do Patrimonio e remitiu o plan corrixido á Xunta para obter a autorización definitiva.
O proxecto inclúe a instalación dunha cuberta que permita ao alumnado do centro xogar e cursar Educación Física os días de choiva. Trátase dunha reivindicación da comunidade educativa ao completo para a que o Concello reserva unha partida de 100.000 euros.
O plan inclúe tamén outras actuacións para liquidar deficiencias do centro. Entre elas, a demolición do muro da fronte principal polo seu mal estado de conservación. Os arquitectos encargados de redactar o proxecto constataron o peche, apontoado nun dos extremos, presenta "risco de esborralle" nalgúns puntos polo que recomendan a súa substitución. Segundo recolle o proxecto, o muro será substituído "por un peche diáfano que permita pór en valor o edificio histórico". O Concello conservará o portalón de entrada polo seu valor singular, así como as pilastras que o flanquean.
Para emendar as deficiencias de accesibilidade do edificio de preescolar, os técnicos expoñen que a cuberta do patio inferior sexa tamén un percorrido de evacuación e inclúen a demolición da rampla da entrada e a construción doutra que cumpra a normativa.
O prazo de execución dos traballos é de tres meses. A concelleira de Educación, Raquel Bolaño, agarda ao permiso definitivo da Xunta para licitar a obra. "Este ano darase por fin satisfeita a demanda da comunidade escolar para que os alumnos poidan dispor por fin dun espazo cuberto para cursar Educación Física. É unha obra que interesa a toda a comunidade escolar, Concello e Consellería" afirma a edil, que avanza que se licitará "axiña que como veña o visto e prace de Patrimonio".