Os traballos de cambio de máquinaria de climatización da instalación obrigan a pechar durante uns dias o uso da piscina que abrirá de novo a mediados de setembro.
Sada 30 agosto 2019.
A empresa adxudicataria das instalacións da Piscina Municipal informa de que durante os próximos días e debido ao cambio da climatizadora, estarán pechadas varias estancias do complexo.
O spa da instalación pechará o luns 2 de Setembro e a piscina pechará o mércores 4 de setembro. O resto de instancias do complexo deportivo (ximnasio, sauna, duchas....) permanecerán abertas no seu horario habitual.
A data prevista para a apertura da piscina será a mediados do mes de setembro. Desde a empresa concesionaria dáse a opción a todos os abonados/as da piscina que o desexen de facer uso da instalación da piscina da Barcala no Concello de Cambre.
Cambio da Climatizadora da Piscina Municipal
O obxectivo da actuación que se está levando a cabo nas instalacións deportivas municipais é o cambio da climatizadora da piscina municipal por outra con recuperador de calor para reducir o consumo de gasóleo. O proxecto ten un orzamento de 76.303,90€ dos cales o Concello de Sada asumirá 15.261,58€.
O Goberno Local conseguiu unha axuda do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (Idae), dependente do Ministerio de Enerxía e que xestiona fondos europeos Feder. A Unión Europea estimou favorablemente a solicitude de axuda ao Concello de Sada para proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso únaa economía baixa en carbono no marco do programa de crecemento sustentable e financiará con 228.710,99€ , que supón un 80% o máximo posible, os proxectos de mellora da eficiencia enerxética do CEIP Barrié de la Maza mediante a rehabilitación enerxética de xanelas e/ou lucernarios, a subministración e instalación de dúas bombas de calor na Casa da Cultura e o cambio de climatizadora da piscina municipal por outra con recuperador de calor.