A V Feira Modernista potencia a música na rúa, a danza, a arquitectura e a presenza galega e local no programa

23 / XUL / 2016

A V Feira Modernista potencia a música na rúa, a danza, a arquitectura e a presenza galega e local no programa

REVISTA A MODERNISTA (A NOSA PROGRAMACIÓN EN FORMATO XORNAL)

- PROGRAMA COMPLETO V FEIRA MODERNISTA

Sada, 22 xullo 2016.

A concellería de Cultura, xestionada polo socialista Marcos Villar, presenta o  programa da quinta edición da Feira Modernista de Sada que este ano potenciará a música na rúa, a danza e a presenza de artistas gallegos e locais no programa de actividades.

“Serán tres días, indica Villar, para lucir ben guapas e guapos, para voltar a gozar da calidez do jazz e do dixieland, para bailar a ritmo de swing, do charlestón ou facer os primeiros pasiños no lindy hop. Tres xornadas para levar unha foto dos nosos rincóns máis xeitosos ou un precioso recordo do mercadiño modernista. Unha fin de semana na que poderase contemplar as nosas rúas a vista de paxaro a bordo do sempre elegante globo. Unha feira singular, diferente e sobre todo participativa”.

Programa arquitectónico.

Durante a celebración da V Feira Modernista a Capela de San Roque acollerá a proxeción dunha curtametraxe realizada por Xosé Seoane e a produtora Gallaecia Filmes sobre o Modernismo en Sada. Este documental foi realizado en setembro de 2014 e xurdiu como complemento dunha exposición didáctica que elaborou a Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo.

A asociación Suárez Picallo tamén realizará unha ruta didáctica guiada como actividade conmemorativa do 92º aniversario da edición da “Revista Mariñana”. As persoas participantes recibirán un exemplar da reedición facsimilar do primeiro número da “Revista Mariñana”. 

Pola súa banda o catedrático de arquitectura, José Ramón de Soraluce Blond, e a arquitecta, Laura Bouza Romero, editaron o caderniño didáctico “As 7 Terrazas de Sada” unha evolución do edificio modernista desde a súa construción ata hoxe no que incorporan os planos de La Terraza e unha análise das diferentes variacións sufridas por este edificio ó longo do tempo e que presentarán no edificio modernista durante a feira, nun acto tamén organizado pola A.C. Suárez Picallo.

Musicalismos

O programa musical da feira Modernista potencia este ano a música na rúa e a presenza galega e local no programa de actividades. Ademáis por primeira vez actuarán artistas internacionais do mundo do jazz, os vieneses  Marina and the Kats, unha formación que o noso público non pode gozar habitualmente.

Os austríacos Marina & the Kats aportan unha grande orixinalidade, bebendo directamente das fontes do jazz tradicional, o hot jazz e o swing pero cunha enerxía e posta en escena que os fai totalmente contemporáneos e únicos. Transportarannos da man da súa música á evocación do legado modernista que tanto os influenciou gracias ó enorme patrimonio da súa Austria natal.

Outro dos grupos estrela desta edición será Picolissima Jug Band de Granada. No escenario montado dentro da Carpa Acendida, xusto a continuación da lectura do pregón, reviviremos a música que facían as formacións orixinais das primeiras bandas de músicos negros da escena americana de principios do s. XX coa actuación dunha das mellores representantes nacionais deste estilo, no que as “táboas de fregar” e instrumentos como os “kazoos” estaban ó servizo da creación musical e da improvisación.

Á música da rúa virá da man de Jinx Jazz Band. Esta formación multicultural barcelonesa aportará ambientación musical a diferentes rúas peonís do centro de Sada, nun percorrido que servirá para ir convocando ó público no entorno do Bulevar das Mariñas. Con esta iniciativa buscase chegar a un sector  amplo na vía pública, tanto ó público informado que asiste ás actividades como ó curioso, que se atopa coa actividade de maneira fortuíta e descobre o interese que suscitan as manifestacións culturais.

“Recrearemos na rúa, sinala o concelleiro, o ambiente que podía vivirse en diferentes salóns sociais e nos primeiros locais de ocio da época, tal como acontecía en Sada en edificios como La Terraza ou “El Moderno”.

Dentro dos Musicalismos potenciase este ano a presenza dos grupos galegos.  En primeiro lugar The Revival Stompers actuarán en Sada para ofrecernos a súa selección de ritmos do jazz máis primixenio. Despois de percorrer as nosas rúas en formato acústico, escoitarémolos sobre o escenario, e posiblemente acompañados por unha actuación sorpresa.

Outras das bandas galegas será “Los Hot Chocolates”. Posiblemente sexa a mellor banda de Galicia no seu xénero. A medio camiño entre unha banda de dixieland e unha big band, cos seus once músicos no escenario defenderán un repertorio co que nos transmitirán a enerxía e positivismo do jazz tradicional, mesturado coa diversión e a facilidade para o baile que aporta o swing.

A artista galega Estívaliz Espinosa ofrecerá unha actuación poética e musical na que porá corpo, voz e sentimento a diferentes textos modernistas e das vangardas literarias, cunha temática que servirá de fío conductor: a auga. No apartado musical interpretará composicións de Erik Satie, Debussy, Enric Morera, Reinaldo Hann… así como versións do blues e o jazz primixenios. Acompañada por Ludmila Orlova ó piano, formarán un dúo que encarnará a esencia do MusicalIsmos e da Feira Modernista no marco incomparable que constitúe o emblema do patrimonio modernista sadense, o edificio de La Terraza.

Esta edición da feira modernista inclúe varias formacións e artistas locais. Así o Cuarteto ClarineTutti e BrasSada, formacións saídas da Banda de Música Municipal de Sada, actuarán na rúa en varios pases. O cuarteto de clarinetes e o grupo de metales e percusión, dirixido polo director da banda Miguel Brea, realizarán actuacións no Boulevard de La Terraza e no Paseo marítimo. As formacións, maioritariamente compostas por veciños e veciñas de Sada, xa actuaron en varias ocasións na Capela de San Roque ofrecendo no seu repertorio pezas de swing e jazz.

Danza

Tamén, no apartado de danza as escolas locais “Sadanza” e Carmen López participarán na feira. Sadanza, pertencente á Sociedade de Sada, organizará unha exhibición de danza no escenario da Carpa Acendida na que exporán ante o público algunhas pezas de ballet clásico, xunto cunhas coreografías nas que mesturan a danza jazz cos populares ritmos do Charleston. Dirixidas por Clara Losada, tomará a inspiración artística do movemento Modernista para achegarnos un pouco á danza a través do seu “savoir faire”.

O centro de Danza Carmen López, de Sada, organizará unha exhibición de danza no escenario da Carpa Acendida. Amosarán ó público varias coreografías inspiradas no movemento Modernista, nas músicas e estilos de danza que tiñan arraigo social na época que recreamos. Baixo a dirección de Carmen López, a exhibición porá en danza músicas de diferentes estilos, dende as composicións para big bands ata o cabaré, incluíndo unha versión libre dunha coreografía da afamada coreógrafa e bailarina Isadora Duncan, preparada con moito talento e con grande cariño pola danza con maiúsculas.

Precisamente dentro da danza unha das artistas internacionais que estará presente na Modernista deste ano será Pamela Gaizutite. Esta bailarina e profesora de baile ucraína é unha das máis recoñecidas no panorama da música e a danza swing, e ofrecerá unha clase gratuíta e aberta á participación do público en xeral (non é necesario ter nivel previo) na Praza de San Roque, na que se ensinará a bailar o popular Charleston.

Outras  Actividades

Na Praia das Delicias levantará o voo un globo aerostático no que o público poderá darse un bautismo aéreo na modalidade de “voo cautivo”. A actividade é gratuíta pero será indispensable asistir con indumentaria que trate de recrear o estilo da moda de finais do s. XIX e principios do s. XX.

O deporte non podía faltar no festival modernista. A época que se trata de evocar coincidiu no ámbito social coa popularización de deportes regrados, destacando algúns como o ciclismo, a vela ou o tenis. No Paseo Marítimo, detrás do Mercado Modernista, delimitaremos unha pista de tenis “de herba natural”, na que organizaremos un pequeno torneo de tenis no que o público interesado poderá apuntarse libremente para xogar partidos a 1 set . Será indispensable vestir unha indumentaria apropiada, así como esgrimir raquetas acordes coa “tecnoloxía” da época.

Tamén en colaboración coa Asociación Nacional de las Bicicletas Antiguas y Clásicas (ANBAC), organizase unha ruta de bicicletas clásicas coa que ambientarase diferentes rúas de Sada. Ademáis, a ruta está aberta á participación do público, xa que a comitiva poderá ir formada por ciclistas ataviados segundo a moda da época, independentemente da antigüidade que atesouren as súas bicicletas.

O mago Miguelillo moi reputado pola súa participación en numerosos festivais, e  mestre da “maxia de proximidade” chegará a Sada co seu carromato de estilo antigo co que ambientará a súa actuación no festival. Un novo espectáculo que se realiza no interior dunha vella caravana e que nos transportará a unha época pasada da man da maxia teatralizada. Esta proposta ten un innegable atractivo para o público infantil e de corte familiar, que atopará unha oferta de lecer de calidade que complementará a programación principal do festival.

Finalmente o Dansant acada máis protagonismo e pasa a celebrarse os tres días da feira. Unha sesión de música e baile, acompañada de aperitivos, te, café, champagne, froita... O Thé Dansant trátase dun encontro e convivencia festiva para celebrar o verán, o sol, a vida... recrea un evento que se celebraba en La Terraza de Sada segundo achou o equipo da Biblioteca Municipal nunha investigación sobre a hemeroteca da época. O convite gastronómico estará condicionado á asistencia con vestimenta apropiada para a época. 

Arquivado en