A Concellaría de Educación e Deporte programa diversas actividades de conciliación para o período de Nadal. O Concello de Sada pretende desta forma atender a demanda individual de lecer educativo, así como as necesidades de conciliación das familias sadenses.
LISTAXE CAMPAMENTO CONCILIACIÓN NADAL
Sada, 3 decembro 2020
Este ano, por mor das condicións que estamos a vivir durante a crise sanitaria da COVID19, o Concello convoca unas xornadas de actividades gratuítas durante o período non lectivo de Nadal, cuxo obxectivo principal é proporcionar unha alternativa de conciliación ás familias cuxos proxenitores teñan que traballar fóra da casa.
Obxecto
Co obxectivo de facilitarlle aos rapaces e rapazas a participación en actividades educativas e de tempo libre, o Concello de Sada oferta de forma gratuíta as prazas para estas actividades lúdicas durante a tempada de Nadal. As diferentes actividades que integran esta oferta levaranse a cabo en instalacións municipais, atendendo aos diferentes grupos de idade durante os seguintes días e horarios: 23, 28, 29, 30 de decembro e 4, 5 e 7 de xaneiro de 09.00 a 14.00 h.
Grupos de idade, lugar de realización e prazas
Grupos de idade: nenos e nenas empadroados/as en Sada e escolarizados/as desde o 2º ciclo de Educación Infantil (4º, 5º e 6ª) e até 6º de Educación Primaria.
Lugar de realización:
CEIP Pedro Barrié de la Maza
NON SE OFERTA SERVIZO DE TRANSPORTE
Prazas: Ofértase un total de 35 prazas.
Tense en consideración a adxudicación directa de praza para participantes derivados dos servizos sociais de atención primaria, con informe favorable previo dos servizos técnicos municipais. A porcentaxe de participantes establécese nun 10 % do total das prazas ofertadas.
Servizos ofertados
Na oferta destas xornadas, os/as participantes disporán dos seguintes servizos:
a) Un programa de actividades gratuíto de carácter educativo, lúdico e convivencial, que posibilite a participación do/a rapaz/a. A temática será a multiactividade, adaptada aos diferentes grupos de idade, desenvolvendo así distintas xornadas de carácter pre-deportivo, musical, artístico, incluíndo xincanas, contacontos, obradoiros, etc.
b) O material necesario para a actividade.
c) Un equipo técnico de persoal especializado en educación, animación deportiva e actividades de tempo libre.
d) Seguro de responsabilidade civil e de accidentes para os participantes e atención sanitaria de primeiros auxilios.
Prazo para solicitar a praza e publicación das listaxes
O prazo de inscrición abranguerá desde a publicación desta convocatoria na web municipal até o día 15 de decembro.
Publicación da listaxe de solicitantes con praza e solicitantes en listaxe de agarda: 18 de decembro.
Presentación das solicitudes e documentación adicional
Individual
Múltiple: só no caso de irmáns/ás.
A presentación da solicitude deberá facerse obrigatoriamente por medios electrónicos, ben a través da sede electrónica www.sada.gal ou, naqueles casos en que non se dispoña de certificado dixital, por medio dun formulario dispoñible na mesma web municipal. Inescusablemente, a solicitude debe ir acompañada da documentación que se require, ou será considerada NON válida.
Criterios de admisión e adxudicación de prazas
Tendo en conta que a conciliación da vida laboral e familiar é obxectivo preferente para desenvolver este campamento, as persoas participantes deberán xustificar a necesidade de acceder a unha praza gratuíta. É por isto que serán requisitos imprescindibles no momento de facer a solicitude:
O/A solicitante debe estar empadroado/a no Concello de Sada con anterioridade ao 1 de novembro do 2020. A comprobación deste dato farase de oficio a través do padrón municipal, polo que non será necesario achegar ningún documento acreditativo.
O proxenitor/a (en caso de familia monoparental) ou proxenitores deben ser traballadores en activo (por conta propia ou allea) e por tanto estaren dados de alta en calquera réxime da Seguridade Social. Non será válido que só un deles estea traballando e, consecuentemente, non será admitida a solicitude. Isto xustificarase presentando coa solicitude:
- Copia do libro de familia onde conste a unidade familiar. No caso de familia monoparental, cómpre xuntar carné de Familia Monoparental da Xunta ou sentenza de separación/divorcio co convenio regulador ou resolución de medidas paterno-filiais.
- Vida laboral actualizada (posterior ao 1 de novembro de 2020).
- Informe co selo da empresa onde conste a xornada laboral que xustifique a necesidade de conciliación en horario de mañá e a imposibilidade do teletraballo. No caso de persoas autónomas, unha declaración xurada desta necesidade de conciliar polas mañás.
Outros criterios valorables á hora de adxudicar praza, á parte de cumprir os requisitos anteriormente enumerados, serán os seguintes:
1º Obterán praza preferentemente as persoas solicitantes segundo máis baixa for a contía da renda familiar. Acreditación mediante a copia do IRPF do exercicio anterior.
2º Obterán praza preferentemente os/as solicitantes que pertenzan a Familias Numerosas, sempre que todos os/as solicitantes cumpran os requisitos de idade no acceso. Debe achegarse copia do Título ou Carné de Familia Numerosa
3º Obterán praza preferentemente os/as solicitantes que sexan 2 irmán/ás. Debe achegarse copia do Libro de Familia.
4º Establecerase como último recurso a realización dun sorteo entre as solicitudes que se encontren en igualdade de condicións no acceso.
Se unha vez obtida a praza, o/a solicitante desexa renunciar a ela, deberá comunicalo por escrito enviando un correo electrónico a omixsada@gmail.com no que aparezan os datos do/a solicitante.
IMPORTANTE: Para que estas xornadas se realicen, deberá cubrirse un mínimo de 10 prazas.
Funcionamento das xornadas
As persoas participantes poden acceder ás instalacións entre as 08.50 e as 09.00 h, sendo a saída ás 14:00 h. Se por calquera motivo xustificable o/a participante necesitase facer a incorporación, ou a saída da actividade fóra do horario establecido, deberá avisar previamente ao/á responsable desta, que será quen se encargará de levar a cabo o dito labor da maneira menos prexudicial para o desenvolvemento das actividades programadas.
Normas de comportamento e medidas hixiénico-sanitarias pola Covid19
A organización do campamento non permitirá ningún tipo de comportamento violento, tanto físico como verbal. Se algún dos/as participantes dificulta a dinámica no desenvolvemento das actividades en repetidas ocasións (previas advertencias aos seus pais desta situación), pode ser susceptible de expulsión segundo acorde o equipo de educadores/as. As medidas hixiénico-sanitarias que se tomarán, susceptibles de modificación, de acordo coa situación epidemiolóxica nese momento, serán as que figuran a seguir:
· Uso obrigatorio de máscara
· Toma de temperatura á entrada
· Lavado frecuente de mans e uso de xel hidroalcóholico despois de cada actividade
· Desinfección de material despois de cada uso
· Ventilación frecuente dos espazos utilizados
· Actividades adaptadas que sexan compatibles coa distancia de seguridade entre os/as nenos/as.
Autorización de imaxes e protección de datos
Co fin de garantir os principios de transparencia, accesibilidade da información e veracidade (artigo 2 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno), nestas actividades recolleranse experiencias e fotografías durante o desenvolvemento. As ditas fotografias, en que poden saír os/as participantes, poderán ser divulgadas a través dos servizos da sociedade da información que considere o Concello de Sada (prensa, web, redes sociais, etc.).
Aquelas nais e pais que non desexen autorizar a publicación de imaxes poden opoñerse marcando a casa correspondente na solicitude. Os datos persoais derivados da inscrición nesta convocatoria serán tratados polo organismo Concello de Sada, en cumprimento do disposto no Reglamento (UE) 2016/679 del Parlamento Europeo y del Consejo, de 27 de abril de 2016. Poderá exercerse o dereito de acceso, rectificación e cancelación, nos termos establecidos na lexislación vixente.
Aceptación das bases
O feito de presentar a solicitude para as actividades de conciliación de Nadal implica a aceptación de cada unha das normas de participación que aquí se describen. Segundo: Ordenar a súa publicación na páxina web do Concello, nos taboleiros informativos do Concello e na Oficina da Xuventude.