Alumnos de arquitectura deseñarán un mercado municipal e unha vivenda na tenencia

02 / FEB / 2016

Alumnos de arquitectura deseñarán un mercado municipal e unha vivenda na tenencia

Profesores da Escola de Arquitectura da Coruña realizaron esta mañá na Casa da Cultura unhas xornadas sobre a historia do asentamento do centro urbano de Sada ante preto de douscentos alumnos.

A concellaría de urbanismo, xestionada por Francisco Montouto, asinará un convenio con Arquitectura para que todos os anos realícense charlas e traballos en Sada.



Sada, 2 febreiro 2016

Preto de 200 alumnos da facultade de Arquitectura da Coruña estiveron presentes onte na primeira charla que se impartiu con motivo dos diferentes traballos que Terán que realizar durante este curso.

Dentro da colaboración entre a concellaría de urbanismo, que xestiona Francisco Montouto, e a escola coruñesa de Arquitectura durante este curso os alumnos realizarán traballos relacionados con Sada e que poderán ser mesmo aproveitados para futuras actuacións.

Un dos traballos que se propoñen é o deseño e creación dun mercado municipal. Para iso na presentación desta mañá na Casa da Cultura aos alumnos mostráronselles diversos exemplos de mercados clásicos, modernos, funcionais e próximos. Entre eles o mercado de Les Halles en París, descrito por Napoleon III como o Louvre da xente; mercados gastronómicos e gourmet como o de San Antón en Madrid ou mercados máis próximos como o de San Agustín ou os comezos da praza de Lugo.

Outro dos traballos relacionados con Sada é unha vivenda nun solar da Tenencia. Para iso a charla inicial versou sobre a tipoloxía de vivendas da zona e a transformación da Sada urbana desde os seus comezos até o momento. E ao termo da mesma os alumnos e o profesorado recorreron as zonas de Sada onde se asentan os lugares que teran que contemplar nos traballos

Foi precisamente o profesor titular da Escola Técnica Superior de Arquitectura, Xosé Lois Martínez quen disertou sobre as distintas evolucións que sufriu a vila de Sada indicando tres momentos clave.

O primeiro, o asentamento lineal co mar, desde Corbeiroa a Fontán onde as vivendas se aliñaban coa liña do mar na Sada primitiva.

O segundo momento clave foi a nova orde urbanística de Sada coa construción da estrada que lle une a Coruña. Este viario servía para o traslado de mercadoría tanto do porto de Fontán como dos distintos derivados das “telleiras” instaladas en Sada. Esa actuación, a xuízo de Xosé Lois Martínez, foi o soporte da edificación na primeira metade do século XX. As novas edificacións realizáronse “na liña que impón a estrada”. Realizada con arranxo á Lei de Estradas de finais do século XIX, o novo viario delimitaba a aliñación no mundo rural (como era a Sada de entón) e acumula a concentración de edificación a ambos os dous lados do viario. “A chegada do tranvía, que discorría por esa estrada, e o fin de traxecto na Terraza acrecentaría unha maior edificación cun tipo de arquitectura urbana ligada á utilizada na cidade da Coruña”, explicou aos alumnos Martínez.

O terceiro momento clave prodúcese a partir dos anos 60. Onde se crean grandes infraestruturas que en Sada están representadas polo “ensanche do viario central de Sada e a creación do recheo”. Esta transformación do bordo litoral, semellante segundo Xosé Lois Martínez á sufrida na Coruña, é a que fixo a Sada actual.

O concelleiro de Urbanismo presente na xornada desta mañá destacou este tipo de accións que a facultade de Arquitectura está a levar a cabo en Sada e adiantou que nos próximos días asinarase un acordo de colaboración entre o Concello de Sada e Arquitectura para que Sada sexa sede cada ano de eventos e actos de formación semellantes.

“É indubidable o beneficio para Sada deste tipo de xornadas” declarou Montouto ao termo das charlas da mañá. “Propoñemos á facultade de arquitectura facer cada ano este tipo de xornadas en Sada porque estamos seguros que moitas das ideas dos estudantes mellorarán a situación urbanística actual e porque tamén é unha maneira de que entre todos busquemos solucións de futuro ao urbanismo existente”

Arquivado en