A concellaría de Educación de Sada pon en marcha o Sistema de Prevención de violencia e acoso escolar TEI e convértese en pioneiro na comarca metropolitana
Sada 23 novembro 2017
A Concellaría de Educación, Xuventude,e Saúde, que dirixe Raquel Bolaño, programou xunto co CFR A Coruña (Centro de Formación e Recursos) dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, o Programa TEI de prevención da violencia e acoso escolar. O programa conta co respaldo especializado da Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade de Barcelona e a Universidade de Alacante. Segundo a socialista, Raquel Bolaño, é un programa novo para a área metropolitana que está a dar uns resultados moi positivos noutras comunidades autónomas. "Cremos que será moi útil para erradicar condutas de acoso escolar ou violentas nos nosos centros educativos por estes motivos apostamos por un TEI no que todos esteamos implicados"
Trátase dun programa de convivencia para a prevención da violencia e do acoso escolar que implica a toda a comunidade educativa, e que está orientado a mellorar a integración escolar. O programa traballa por unha escola inclusiva e non violenta, fomentando que as relacións entre iguais, dirixido á mellora do clima e a cultura do centro respecto da convivencia, conflito e violencia (física, emocional ou psicolóxica).
Na práctica o TEI baséase na tutorización emocional entre iguais onde o respecto, a empatía e o compromiso son os alicerces básicos do desenvolvemento nos centros educativos. Serán os propios alumnos o que tutoricen aos seus iguais de forma que en secundaria, por exemplo, os alumnos de 3º son titores emocionais dos de 1º e en Primaria, os alumnos de 5º son titores emocionais dos de 3º.
Os centros que aplican o programa están integrados na REDE DE CENTROS TEI TOLERANCIA CERO, comparten e desenvolven iniciativas, materiais e boas prácticas na prevención da violencia e el acoso escolar.
Como a boa implementación do programa depende tamén da implicación de toda a comunidade educativa os mércores, xoves e venres (22,23 e 24 de novembro) terá lugar a formación dos e das docentes implicados no programa dos diferentes centros e do mesmo xeito terá lugar a formación e explicación dirixidas ás familias, que son un alicerce fundamental na relación alumnado-centro escolar. Por iso mesmo informámosvos que a formación/información para as familias terán lugar nos días, horas e localización abaixo indicados.
Familias Secundaria: mércores 22 de novembro ás 19:30 horas na Sala de usos múltiples do IES Isaac Díaz Pardo.
Familias Primaria: xoves 23 de novembro ás 19:30 horas na Sala de usos múltiples do IES Isaac Díaz Pardo.
Hai tres equipos de traballo, investigación e avaliación que teñen como obxectivo o desenvolvemento e a innovación do PROGRAMA TEI, situados no ICE da Universidade de Barcelona e a Universidade de Santiago de Compostela, así como o Equipo de avaliación e desenvolvemento da Universidade de Alacante.