-O concelleiro de Promoción da Saúde, Cohesión Social e Voluntariado, Breogán Blanco, comezará hoxe unha andaina desde o centro de Saúde de Sada ata Santiago de Compostela como protesta pola precariedade da Atención Primaria no noso Concello e pola nula resposta da Concellería de Sanidade da Xunta de Galicia as demandas dos veciños e veciñas de Sada en canto á dotación de persoal ou á solicitude do traslado do Centro de Saúde ao centro urbano do Concello, proposta enviada hai cinco meses.
Sada, 7 febreiro 2020.
Dende o pasado mes de agosto de 2019 o Concello de Sada ven de enviar tres cartas ao Conselleiro de Sanidade, Vázquez Almunia, advertindo da situación que vive o noso municipio no canto á Atención Primaria, sen que desde a Consellería se teña recibida resposta.
O Concello de Sada reclamaba, e segue a reclamar, da Xunta de Galicia máis persoal nun Centro de Saúde que conta có mesmo número de facultativos e traballadores desde o ano 2005 aínda que a poboación medrou en case 7000 habitantes, sen contar que o centro de Sada da servizo ao Concello de Bergondo no PAC. Nas cartas enviadas a Vázquez Almunia reclamábase, coma mínimo, unha praza máis de fisioterapia, unha de pediatría, unha de medicina xeral, unha de enfermería e unha de administración.
Tamén solicita o Concello de Sada un compromiso por parte da Consellería para cubrir todas as baixas e vacacións para non atoparnos cun Centro de Saúde asolado polas urxencias así coma un compromiso da Xunta de Galicia para o traslado do Centro de Saúde á parcela, xa aprobada no PXOM, situada no centro da capital do municipio. O Concello lembra que está a cumprir co Convenio da FEGAMP en canto ao mantemento e acondicionamento da instalación polo que a Xunta de Galicia debe cumprir tamén coas súas obrigas.
Como medida de protesta o concelleiro de Promoción da Saúde, Breogán Blanco, partirá hoxe venres desde Sada para chegar a Santiago de Compostela o vindeiro domingo 9 de febreiro, data na que está convocada unha manifestación da plataforma SOS Sanidade Pública contra do desmantelamento dos hospitais comarcais e os recortes en sanidade e en defensa da atención primaria e do sistema sanitario público en xeral, onde participará xunto ao alcalde de Sada, Benito Portela, e outras/os concelleiras/os do grupo de goberno, na marcha.
“O continuo esquecemento que vive a nosa vila en particular por parte da Consellería de Sanidade é inaceptable, indicou hoxe o concelleiro de Promoción da Saúde, polo que emprendo o camiño en apoio a unha sanidade pública de calidade para unirme, o vindeiro domingo 9 de febreiro, á manifestación convocada en Santiago de Compostela”.