O Concello de Sada impulsa a rehabilitación destas instalacións escolares nun novo centro social para a veciñanza. Ó ritmo que avanzan os traballos será posible que a obra estea rematada de cara a finais do próximo mes
A transformación da antiga escola de Carnoedo nun centro social para toda a veciñanza será unha realidade co inicio do outono. Nestes últimos días, a empresa que executa os traballos encarou a recta final dos mesmos, polo que de seguir así será posible que os mesmos rematen de cara ás primeiras semanas de outono tras seis meses en execución. Para poder levar a cabo esta relevante actuación o Concello de Sada destinou algo máis de 180.000 euros.
Durante esta reforma non se modificou a estrutura xeral do edificio, nin o seu volume, mais adaptouse a configuración existente para mellorar as condicións de accesibilidade e confort da construción. Ademais, instalouse un ascensor e modificáronse os aseos que xa existían para facelos accesibles. Na planta baixa están a crearse dúas salas na mesma posición que as aulas existentes, unha destinada a aula infantil-ludoteca e unha sala destinada a ximnasio. Na planta alta habilitarase unha sala destinada a aula musical contigua ao elevador que poderá ser empregada como sala de ensaio para as bandas locais.
Coa rehabilitación desta escola o Concello de Sada gaña un espazo público para uso e aproveitamento de toda a veciñanza. O obxectivo do goberno local é facilitar a apertura dun inmoble no que as asociacións e clubs deportivos do municipio poidan organizar reunións e atender aos seus asociados.