O arquitecto encargado de facer o proxecto, encargado polo Concello de Sada, sinala que non é unha “actuación sinxela” debido aos problemas estructurais do complexo deportivo.
Sada, 11 marzo 2021.
O pasado 13 de xaneiro o Concello de Sada comunicou o peche do complexo deportivo, que inclúe a piscina e o ximnasio municipal, por motivos de seguridade xerados ao detectar os técnicos municipais problemas na cuberta.
Ante esta situación a Concellaría de Deportes contratou un proxecto arquitectónico para valorar as actuacións a realizar e que incluíse, “non só solución ao problema de seguridade da cuberta, indica a concelleira de Deportes Maria Nogareda, senón tamén un diagnóstico da situación actual dun complexo deportivo que nos últimos anos tivo que soportar varias melloras por problemas de humidade e estruturais”.
Este proxecto contempla ademais a apertura por fases do complexo buscando a mellor maneira de abrir parte das instalacións mentres duren os traballos.
O pasado martes reuníronse os responsables do proxecto coa área de Deportes para detallar os pasos a seguir a partir de agora sendo a primeira medida o apontoamento completo da zona da piscina para poder abrir o ximnasio con todas as medidas de seguridade canto antes.
Posteriormente realizarase a avaliación das actuacións en cada elemento estrutural para contratar a obra completa de reparación da cuberta así como de todas aquelas instalacións do complexo que supoñan un perigo para a seguridade dos usuarios/as.
Estes traballos atrasarán a apertura da piscina até dentro duns meses polo que desde a concellaría de Deportes están a valorarse outras medidas para que o peche temporal da zona de baño afecte o menos posible aos usuarios e usuarias da instalación.