O alcalde de Sada ven de anunciar nun Bando Municipal as medidas sanitarias que o Concello de Sada toma para celebración de actividades na noite de San Xoán.
BANDO MUNICIPAL QUE REGULA AS ACTIVIDADES EN SAN XOÁN
Dada a crise sanitaria derivada do COVID-19 lembramos a suma importancia de respectar as normas e medidas sanitarias aínda nos momentos de lecer máis arraigados na nosa vila. Estamos no camiño de recuperar a normalidade pero queda moito camiño por percorrer, por iso debemos tomar medidas como a limitación deste tipo de actividades que representan máis risco de contaxio durante esta pandemia. Para vencer a crise sanitaria é preciso o esforzo de toda a poboación, respectando as normas e evitando amoreamentos de persoas tanto ó aire libre coma en lugares pechados e garantindo a distancia social recomendada polas autoridades.
Dada esta situación extraordinaria poñemos de manifesto:
O 23 de Xuño pecharase o acceso ás praias do Concello de Sada debendo baleirarse os arenais ás 21:00 horas. Non se permiten actuacións en vivo, nin cacharelas, nin sardiñadas e churrascadas ou similares en locais de hostalaría ou en calquera espazo público (incluídas áreas forestais ou baixo o arboredo de parques e xardíns), todo isto para evitar que se produzan reunións cun número excesivo de persoas.
Só se permitirán cacharelas, sardiñadas ou churrascadas en vivendas privadas presentando obrigatoriamente e con 24 horas de antelación unha COMUNICACIÓN, que poderá ser presentada telemáticamente na sede elctrónica do Concello de Sada ou ben no rexistro presencial do Concello. Lembramos a obrigatoriedade da cita previa para acudir ao rexistro (Tlf.: 981 62 00 75).
Para facilitar a tramitación da comunicación da realización de cacharelas en parcelas privadas na noite de San Xoán, habilitarse unha terceira vía . Correo electrónico ao rexistro (rexistro@sada.gal), que terá que conter os seguintes datos: 1. Nome e apelidos do solicitante. 2. Tlf. de contacto do solicitante. 3. Identificación exacta da parcela onde se pretenda realizar a cacharela. 4. Copia do NIF adxunto (imprescindible). Esta solicitude debe contar ca identificación dunha persoa maior de idade con todos os seus datos de identidade, contacto e lugar onde se levará a cabo a cacharela.
Os servizos de seguridade e emerxencias municipais (Policía Local e SEM) velarán polo cumprimento do regulado nesta disposición e no resto das ordenanzas municipais, así coma nas normas ditadas polas autoridades para regular as actividades no período de nova normalidade e crise sanitaria derivada do COVID-19.
As infraccións das normativas locais, autonómicas e estatais aplicables serán denunciadas, tramitadas e sancionadas de conformidade coa normativa que as regula en cada caso.
Faise un chamado a toda a cidadanía para celebrar o San Xoán atendendo ao cumprimento de todas as normas e á responsabilidade e obriga de coidado que a situación e a normativa especial ditada para ela esixe, en particular en todo o relativo a evitar contaxios do COVID-19.
O presente bando estará en vigor dende o día da súa publicación no taboleiro de edictos e sede electrónica do Concello e ata a conclusión das actividades que nel se regulan.
Sada, 8 de Xuño de 2021
O Alcalde
Oscar Benito Portela Fernández