-A concelleira Isabel Reimundez sinala que “despois de todas as obras realizadas ata o momento na escola infantil Flora Ramos, seguimos apostando por mellorar e dotar as instalacións municipais, das que fan uso os nenos e nenas de Sada, con zonas máis humanizadas ao aire libre”.
Sada 10 maio 2017
A concellaría de Benestar Social e Igualdade, xestionada pola nacionalista Isabel Reimundez, está a levar a cabo diversas reformas na escola infantil municipal Flora Ramos para a mellora da seguridade no centro e para a dotación de novos espazos de esparexemento.
En concreto a brigada de Obras e Servizos do concello de Sada está a realizar melloras no xardín coa implantación de sistema de rego para posteriormente instalar diversas árbores para conseguir zonas de sombra para os nenos e nenas no xardín.
Ademais paralelamente están a realizarse melloras na zona de xogos infantís coa colocación de caucho baixo os xogos para dotar dunha maior seguridade as zonas de lecer da escola infantil.
Isabel Reimundez sinala que “despois de todas as obras realizadas ata o momento na escola infantil Flora Ramos, seguimos apostando por mellorar e dotar as instalacións municipais, das que fan uso os nenos e nenas de Sada, con zonas máis humanizadas ao aire libre”.
As actuacións destes días complementan ás obras realizadas durante todo este ano na Escola Infantil Flora Ramos
Unha das primeiras actuacións que se realizou, tamén pola brigada de Obras e Servizos, foi unha rampa de acceso no lateral do edificio da escola infantil para mellorar a saída, en caso de emerxencia, dos berces que se atopan nesa á do centro. Con esta actuación de hormigonado duns 200 m2 aproximadamente eliminouse o chanzo existente e creouse unha pendente de acceso xunto á aula dos máis pequenos.
Unha vez finalizada esta obra a concellaría de Benestar tamén acondicionou a parte exterior traseira da escola infantil Flora Ramos para crear un patio de xogos novo, con firme de caucho. Tamén se realizou a supresión dos chanzos de saída á zona axardinada mediante rampla que ademais de facilitar o tránsito de entrada e saída evacua a auga de choiva afastando a humidade do peche.
Outras obras foron a colocación dunha varanda de madeira na zona de saída das aulas e o cambio de distintos materiais do centro escolar que co paso do tempo estaban afectados e podían causar perigo aos usuarios así como a instalación de novos xogos no patio recentemente habilitado.
A nivel educativo a concellaría de Benestar solicitou a Xunta a través a adquisición de dispositivos para implantación novas tecnoloxías así como pantallas dixitais e proxectores.
Isabel Reimundez sinala que a realización destas obras era necesaria para a seguridade dos usuarios e para mellorar a calidade do centro. “Estivemos a mellorar o centro durante varias fases deste ano para facilitar tanto o acceso como a evacuación segundo a normativa vixente, agora complementamos as actuacións con obras no patio exterior”.