O Goberno Local está a reformar o inmoble para habilitar na planta baixa un aula infantil-ludoteca e un ximnasio e na planta alta unha sala destinada a aula musical e tamén espazos destinados ás asociacións e clubs deportivos do municipio, para organizar reunións e atender aos seus asociados.
A empresa adxudicataria da reforma interior do antiguo edificio escola de Carnoedo comezou onte as obras licitadas por un importe total de 181.096,22 euros.
A parcela de 2.155 m2 onde se sitúa a edificación, atópase no lugar de Taibo, parroquia de Carnoedo. E a edificación obxecto da reforma ocupa unha superficie en planta de 136,85 m2, e conta con planta baixa e planta alta. Na reforma non se modificará a estrutura xeral do edificio, nin o seu volume, só se adaptará a configuración existente, para mellorar as condicións de accesibilidade e confort da construción. Colocarase un elevador e modificaranse os aseos existentes para facelos accesibles.
Na planta baixa crearanse dúas salas na mesma posición que as aulas existentes, unha destinada a aula infantil-ludoteca e unha sala destinada a ximnasio. Na planta alta habilitarase unha sala destinada a aula musical contigua ao elevador e disporanse varios espazos destinados ás asociacións e clubs deportivos do municipio, para organizar reunións e atender aos seus asociados.
Na mesa de participación á que se convidou a todo o tecido asociativo e a todos os grupos políticos da corporación recolléronse todas as propostas e necesidades para a antiga escola unitaria de Carnoedo, para posteriormente, traballar nun borrador de propostas de uso. Entre isas asociacións a AA.VV. Armental, “bautizou” as distintas estancias cos topónimos das praias de Carnoedo, conectando este espazo multiusos coas raíces da parroquia.
Partindo do programa que saíu das reunións de participación e tendo en conta os condicionantes existentes, desenvolveuse unha proposta para a distribución das plantas e dotar ao edificio dun elevador e duns aseos accesibles, procurando o mellor aproveitamento do espazo e unha mellora da accesibilidade. Tamén se renovarán os acabados interiores, colocando illamento térmico e acústico e falsos teitos que mellorarán o confort do edificio. En canto á envolvente do edificio, actuarase creando unha nova soleira ventilada, co obxecto tanto de paliar o problema das humidades por capilaridad, como de illar térmicamente a separación co terreo.
Resumo de obras de reforma a realizar:
-Mellora da accesibilidade mediante a instalación dun elevador que permita o acceso do público á planta alta.
-Mellorarase tamén a accesibilidade na planta baixa, reformando o hall de entrada, modificando a entrada e ampliando os corredores de acceso ás diferentes estancias. Ademais modificaranse os aseos para facelos accesibles.
-Tamén se aumentará o confort térmico e acústico da edificación, renovando os acabados interiores, cun trasdosado autoportante con illamento nas paredes e falsos teitos con illamento, así como novos pavimentos.
-A sala destinada a aula de música insonorizarase, na medida do posible, xa que non se substitúe a carpintaría exterior existente.
-Realizaranse traballos de mantemento da fachada, saneando e reparando as fisuras, sobre todo da fachada lateral, e aplicarase unha pintura hidrófuga, colocando previamente unha malla para evitar fisuras.