As Concellarías de Promoción Económica, Turismo e Emprego e de Medio Ambiente e Normalización Lingüística, buscan o fomento da interrelación da comunidade escolar, o tecido comercial e a veciñanza de Sada, así como a promoción do galego nestas áreas, a través dun concurso de Postais de Nadal que premia con agasallos sorpresa provintes do comercio local ás postais escollidas para repartir entre a súa clientela.
O concurso está dirixido a rapazas e rapaces menores de 16 anos e a postal gañadora será utilizada como imaxe da Campaña de Nadal do Concello de Sada. Os deseños poderán presentarse ata o 10 de decembro.
Bases Concurso Postais Nadal 2021
O concurso ten por obxectivo principal o fomento da interrelación da comunidade escolar, o tecido comercial e a veciñanza de Sada, así como a promoción do galego nestas áreas, a través da elaboración de postais de Nadal que serán seleccionadas polo Concello de Sada para a Campaña de Nadal do presente ano.
Cada autor ou autora poderá concorrer cunha única postal que deberá ser orixinal e inédita, entendéndose como tal unha obra que sexa da súa exclusiva autoría e propiedade e que non fose exposta nin presentada anteriormente en ningún outro certame ou concurso.
O tema empregado deberá estar relacionado co Nadal e o tamaño correspondente é de A4, sendo as técnicas de pintura de libre elección.
O concurso está dirixido a todos os rapaces e rapazas de Sada, menores de 16 de anos, cun único traballo por autor/a.
Os traballos deberán presentarse como data límite o venres 10 de decembro nos centros escolares (CEIPs e I.E.S) da localidade, na Omix Sada ou no rexistro xeral.
Cada traballo deberá levar no dorso os datos do/a autor/a: Nome, apelidos, idade, enderezo, localidade, parroquia, teléfono e/ou correo electrónico.
O xurado estará composto por personal das áreas de Promoción Económica, Xuventude e Normalización Lingüística do Concello de Sada.
Os/as gañadores/as do concurso xunto coa imaxe do seu traballo publicaranse na web e nas redes sociais do Concello.
Ademais da publicación e difusión haberá tres premios sorpresa para os deseños máis valorados polo xurado.
A participación neste concurso implica a aceptación destas bases e a cesión ao Concello de Sada dos dereitos de reprodución, distribución, comunicación pública e transformación sobre os traballos presentados previstos na lexislación sobre a Propiedade Intelectual ou a súa edición dixital, así como a través de calquera outro medio, todo iso sen ánimo de lucro, e pola duración máxima permitida pola citada lexislación da Propiedade Intelectual.