CONVOCATORIA AXUDAS AUTÓNOMOS E PEMES PLAN SADA ACTIVA

01 / XUL / 2020

CONVOCATORIA AXUDAS AUTÓNOMOS E PEMES PLAN SADA ACTIVA

O Concello de Sada abre a convocatoria de axudas económicas destinadas ás persoas autónomas, microempresas e pequenas empresas de Sada. 

IMPORTANTE: O prazo para presentar a solicitude xunto coa documentación necesaria para poder optar á subvención será de 20 días hábiles a partir do día seguinte á publicación desta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia (BOP). 

MODELO DE AUTORIZACIÓN DEL INTERESADO PARA QUE UNA ADMINISTRACIÓN PÚBLICA PUEDA RECABAR DATOS TRIBUTARIOS A LA AGENCIA TRIBUTARIA

SOLICITUDE DE SUBVENCIÓNS DO PLAN SADA ACTIVA PARA AUTÓNOMOS/AS E PEMES DE SADA

MODELO DE DESIGNACIÓN DA CONTA BANCARIA 

Co obxectivo de dar resposta, no contexto da crise sanitaria provocada pola COVID19, para manter a actividade económica e protexer o emprego, establécense estas axudas económicas destinadas ás persoas autónomas, microempresas e pequenas empresas de Sada, calquera que sexa a súa forma xurídica, que tiveran que paralizar (suspender) a súa actividade pola declaración do estado de alarma ou que viran reducida a súa facturación polo menos nun 75%, tal como establece o artigo 17 do Real Decreto-Lei 8/2020, do 17 de marzo, de medidas urxentes extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social da COVID19 .

Deste xeito preténdese protexer o interese xeral da veciñanza de Sada, dando soporte ás persoas autónomas, microempresas e pequenas empresas, así como aos traballadores e traballadoras por conta allea residentes na vila tanto para minimizar o impacto da crise actual como para que, unha vez finalizada a alarma sanitaria, se produza canto antes a reactivación da economía.

Esta función que cumpren as administracións locais de apoio ao desenvolvemento local e ao emprego, lonxe de invadir competencias ou producir duplicidade algunha, fan posible a efectividade da dimensión local do emprego que apunta, tanto a Lei Nacional de Emprego (art. 4, R.D.L. 3/2015), como a Comisión Europea, que no seu documento de Actuación local a favor do emprego para unha estratexia europea do emprego, define o ámbito local como “Aquel nivel que permite detectar as necesidades locais non satisfeitas”. Polo que, lonxe de ser un ámbito no que unicamente se poñan en práctica decisións adoptadas noutros ámbitos, pode combinar diferentes instrumentos e desenvolver formas de dar valor engadido ás decisións tomadas en niveis superiores, conseguindo un máis idóneo nivel de precisión en cada territorio.

Polo tanto, de conformidade con todo o exposto, o Concello de Sada presenta estas bases co obxecto de regular a concesión de axudas, en réxime de adxudicación directa, para o mantemento do emprego, do tecido empresarial e a diversidade comercial, sempre e cando as posibles persoas beneficiarias cumpran ás condicións de outorgamento e xustificación que se expoñen nestas bases.

NORMATIVA

1.-O procedemento rexerase polo disposto na Lei 38/2003, de 17 de novembro, Xeral de Subvencións (LGS), no Real Decreto 887/2006, de 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento Xeral de Subvencións (RGS), pola Lei de Subvencións de Galicia 9/2007 e pola Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo común das Administracións Públicas. Ademais, os datos persoais tratados nas solicitudes de participación trataranse de conformidade á Lei de Protección de Datos, 3/2018.

2.-O procedemento de concesión de subvencións que se regula a través das presentes bases axustarase aos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación.

3. CONCEPTO SUBVENCIONABLE As subvencións outorgaranse co fin de contribuír á mellora e recuperación do sector empresarial, do desenvolvemento económico e a protección do emprego no Concello de Sada causado pola crise sanitaria do Covid-19.

4. CANTIDADE E CRÉDITO

  • 1.-A contía total das subvencións non poderá superar os 750,00 € para aquelas persoas físicas o xurídicas sen persoal por conta allea ao seu cargo a data ce 1 de marzo de 2020. A esta contía sumaráselle 250,00 € por cada traballador/a contratado/a por conta allea ao seu cargo a data 1 de marzo de 2020 ata un máximo de 1.500,00 €.
  • 2.- A partida presupostaria á que se imputarán as presentes subvencións será a 439.47900 cun orzamento total de 800.000,00 €. No caso de que finalizado o prazo de solicitude o número das mesmas fora superior ao importe orzamentado inicialmente consignado, poderase ampliar o crédito ata a cobertura do maior número delas posibles. Do mesmo xeito, no caso de que o número de solicitudes fose menor ao crédito dispoñible nesta subvención, o restante utilizarase para levar a cabo outras medidas de reactivación económica.
  • 3.- En todo caso, a aprobación deste gasto, e a consiguinte concesión das subvencións, quedará condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no mesmo para facer fronte á subvención concedida a cada beneficiario/a.

5 .PERSOAS BENEFICIARIAS

1.-Terá a consideración de beneficiario/a de subvencións a persoa que haxa de realizar a actividade que fundamentou o seu outorgamento ou que se atope na situación que lexitima a súa concesión, a condición de que cumpra os seguintes requisitos:

  • 1.1.-Que a actividade empresarial se realice no Concello de Sada.
  • 1.2.-Estar ao corrente das súas obrigacións tributarias e de Seguridade Social, así como non presentar ningunha débeda co Concello de Sada ou calquera outra Administración Pública.
  • 1.3.- Non atoparse en ningún dos supostos de incompatibilidade que indica a Lei Xeral de Subvencións, 38/2003, no seu artigo 13.2 e 13.3.
  • 1.4.-Terse atopado na obriga de paralizar a súa actividade empresarial debido a que non estaba permitida dita actividade na declaración do Estado de Alarma ou, sen chegar a ter que paralizala por ser considerada unha actividade esencial, a súa facturación sufrise unha diminución de, como mínimo o 75%, de conformidade co Decreto Lei 8/2020. Aqueles que paralizasen a súa actividade sen ter obriga (por ser considerada unha actividade permitida nos diferentes decretos do Estado de Alarma) non poderán optar a subvención.
  • 1.5.-Estar clasificada como persoa autónoma ou dona/socia dunha peme.
  • 1.6.-Só poderá ser subvencionada unha solicitude por empresa, aínda que varios socios/as da empresa sexan traballadores/as autónomos titulares e polo tanto, beneficiarios/as e con dereito á subvención. Do mesmo xeito, será subvencionada unicamente unha empresa, independentemente de ter varios centros de traballo ou ter de alta varias actividades económicas coincidentes cos códigos de Clasificación Nacional de Actividades Económicas (CNAEs) subvencionables.
  • 1.7.-En relación co punto anterior, quedaría excluído o persoal autónomo colaborador (“familiar, ata segundo grado de consanguinidade ou afinidade do traballador autónomo titular que conviva ou traballe con el e estea afiliado ó RETA), é dicir, a axuda é unha por empresa, nunca por número de autónomos que traballen nela. No caso dos autónomos colaboradores, si poderán ser tidos en conta como empregados, a efectos de poder solicitar os 250,00€ por empregado que se especifican nestas bases.
  • 1.8.-En ningún caso o importe da subvención unido ao doutras posibles subvencións, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou ente público ou privado poderá superar a diminución de ingresos da actividade como consecuencia da crise provocada polo coronavirus. Para iso, esixirase ás beneficiarias un certificado dos ingresos percibidos no mesmo mes do ano inmediatamente anterior ó presente e do mes en curso, a efectos de coñecer a diminución de ingresos producida pola crise sanitaria do covid19 así como un xustificante de todas as axudas solicitadas polo posible beneficiario. Para empresas de nova creación ( é dicir, aquelas cunha antigüedade menor a 1 ano e que por tanto non poden presentar a documentación do ano anterior) o candidato a subvención presentará a documentación requerida en referencia o mes anterior o inicio o estado de alarma.
  • 1.9.-Son obrigacións das persoas beneficiarias as contempladas no artigo 14.1 da citada lei 38/2003, coas consecuentes repercursións legais en caso de incumprimento.

6 .PROCEDIMENTO DE CONCESIÓN

1.- A concesión da subvención efectuarase en réxime de concesión directa, establecido no artigo 22.2 da LGS, xustificándose dita concesion no apartado c) do mesmo artigo (“Con carácter excepcional, aquelas outras subvencións en que se acrediten razóns de interese público, social, económico ou humanitario, ou outras debidamente xustificadas que dificulten a súa convocatoria pública) avalando esta excepcionalidade na crise sanitaria, económica e humanitaria que está a provocar a pandemia do Covid19 en todo o país, e no noso térmo municipal por ende.

Baseándose no anterior, considérase como máis conveniente a concesión directa fronte o procedemento ordinario de concorrencia competitiva, por considerarse un procedemento máis axil e eficaz que o habitual e que permite unha rápida percepción das axudas por parte das persoas beneficiarias xa que se poden tramitar no momento en que son recibidas as solicitudes (sen necesidade de esperar ao remate do prazo) e que, de tramitarse de modo ordinario, o interese xeral veríase gravemente afectado no seu obxecto, xa que se pretende dar unha resposta inmediata ás necesidades económicas que presenta neste momento o sector comercial do Concello de Sada.

Ademais, de conformidade co artigo 30,7 da 38/2003, LGS, “as subvencións que se concedan en atención á concorrencia dunha determinada situación no perceptor non requerirán outra xustificación que a acreditación por calquera medio admisible no dereito de dita situación previamente á concesión, sen perxuizo dos controis que puideran establecerse para verificar a súa existencia”. As solicitudes presentadas xunto coa documentación requirida levarán a data do rexistro, que servirá para crear unha orde de prelación co obxeto de saber o número de solicitudes presentadas.

No caso de non presentar a solicitude coa documentación completa, considerarase como data de Rexistro de Entrada a da última presentación de documentación relativa a devandita solicitude. A concesión de axudas efectuarase ata esgotar o crédito dispoñible destinado a atender ás mesmas nese momento, de acordo co disposto no punto 4 das bases.

2.- As resolucións de concesión ditaranse nun máximo dun mes dende a presentación da solicitude, de conformidade cos prazos indicados na Lei de Subvencións de Galicia 9/2007 e na Lei Xeral de Subvencións 38/2003, despois de cumprir co procedemento, para poder realizar os pagos correspondentes a cada solicitude concedida, nas contías indicadas, nun pago único mediante transferencia bancaria. Os pagos realizaranse no prazo máximo de 90 días hábiles dende a resolución de concesión da subvención sempre e cando a tramitación non se vexa suspendida por causas de forza maior ou non posibles de prever. Estas subvenciones son incompatibles con calquera outra subvención outorgada por unha Administración Pública cuxo obxecto sexa o mesmo que o redactado nestas bases.

3.- De conformidade co artigo 42.2 b) do RD 887/2006, polo que se aproba o regulamento da lei 38/2003, LGS, as persoas beneficiarias desta subvención estarán exentas da constitución de ningún tipo de garantía salvo que se dé a circunstancia prevista no apartado 3 do mesmo artigo. Neste caso, a garantía a aportar pola persoa beneficiaria sería, de conformidade co artigo 46 do RD 887/2006, un importe igual a subvención outorgada, incrementada nun 10% e deberá ingresarse nunha conta que se proporcionará ao efecto despois da resolución favorable e antes do pago en conta. No caso de non constituírse dita garantía, o pago da subvención non será satisfeito.

7. PRAZO E PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES

1.- As solicitudes dirixiranse ao Departamento de Promoción Económica e poderanse presentar a través da sede electrónica do Concello de Sada (https://sede.sada.gal/) ou do resto de Administracións Públicas, segundo o artigo 16.4 da lei de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, 39/2015. Segundo a norma anterior, as persoas xurídicas están obrigadas a presentar a documentación de forma electrónica, non sendo válido ningún outro método de presentación. As persoas físicas, debido á limitación de circulación imposta polo Estado de Alarma regulado no RD 463/2020, deberán presentar as súas solicitudes tamén de xeito electrónico.

2.-O prazo para presentar a solicitude (Anexo I) xunto coa documentación necesaria para poder optar á subvención será de 20 días hábiles a contar desde o seguinte á publicación desta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia (BOP). A solicitude tamén estará dispoñible na Sede Electrónica do Concello de Sada. Aquelas solicitudes que, presentadas dentro do prazo anterior, presenten algún tipo de erro, falta de documentación ou calquera outro tipo de subsanación emendable, terán o prazo improrrogable de 10 días hábiles desde a notificación da petición de subsanación para levala a cabo polos mesmos medios referidos anteriormente.

3.-A presentación da solicitude de subvención fóra do prazo establecido e a non utilización, non seu caso, do formulario normalizado de uso obrigatorio, serán causas de inadmisión da solicitude. Do mesmo xeito, en caso de non emendar a documentación no prazo establecido, unha vez requirida, entenderase que desiste da súa solicitude.

MÁIS INFORMACIÓN E ANEXOS NO DOCUMENTO ADXUNTO 

Arquivado en