Convocatoria de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para organizar actividades culturais 2024

18 / NOV / 2024

Convocatoria de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para organizar actividades culturais 2024

O Concello de Sada desenvolve esta liña de axudas dirixida a entidades culturais municipais sen ánimo de lucro coa finalidade de colaborar a manter a actividade das asociacións culturais, de fomentar a actividade no eido da cultura no termo municipal e de facilitar que o tecido asociativo acade os obxectivos que lles son propios. Deste xeito, o Concello exerce as súas competencias no fomento da participación da cidadanía na vida cultural, facilita a creación artística e a produción cultural a nivel local e avanza na realización do dereito da cidadanía á cultura. Esta convocatoria ten por obxecto a concesión de subvencións no ámbito do termo municipal de Sada nas materias de “Organización de actividades culturais, en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos principios de obxectividade, igualdade de concorrencia e publicidade.

O período para realizar as actividades subvencionables comprenderá dende o 1 de xaneiro ata o 5 de decembro de 2024.

O Concello subvencionará os proxectos de actividades culturais que desenvolvan as entidades do sector cultural municipal que persigan algún dos seguintes obxectivos específicos, relacionados co Plan Estratéxico de Subvencións (PES)
de Sada:

  • · Organizar actividades para promover e difundir a produción cultural a través de calquera das súas manifestacións, artísticas ou divulgativas.
  • · Fomentar a participación cidadá na actividade cultural e na súa difusión.
  • · Impulsar e/ou conservar as nosas tradicións culturais, a través de disciplinas como a música, a danza, o canto, a memoria colectiva, etc.
  • · Dar resposta ás demandas sociais de eventos e espazos para a convivencia lúdica e cultural.
  • · Desenvolver accións que melloren a comunicación entre axentes culturais, así como entre estes e o público en xeral.

 

FORMA DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES E PRAZOS

As solicitudes presentaranse electronicamente conforme ao sinalado na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e da súa normativa de desenvolvemento.

As solicitudes presentaranse a través do formulario de solicitude normalizado da sede electrónica municipal (sede.sada.gal) do procedemento «Subvencións, axudas e premios - Solicitude de subvencións municipais».

Para presentar a solicitude de axuda poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura que admita a sede electrónica do Concello de Sada.

O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días naturais e abrirase a partir do día seguinte ao da publicación do extracto da convocatoria no BOP da Coruña. No caso de que ese día for inhábil, o prazo prorrogarase ao primeiro día hábil seguinte.

 

IMAXES CORPORATIVAS PARA USO NA CONCESIÓN DE SUBVENCIÓNS

Logotipos Concello de Sada

 

 

Arquivado en