Para celebrar o Entroido en Sada A Concellería de Cultura e Normalización Lingüística propón organizar un concurso de disfraces o martes 4 de marzo.
FORMULARIO DE INSCRICIÓN NO CONCURSO DISFRACES ENTROIDO 2025 EN SADA
BASES COMPLETAS DA CONVOCATORIA DO CONCURSO DISFRACES ENTROIDO 2025 EN SADA
QUEN PODE PARTICIPAR?
Poderán participar todas aquelas persoas e colectivos que o desexen, sen límite de idade.
As persoas concursantes deberán desfilar polas rúas do centro urbano de Sada, segundo o percorrido que proporá a organización, amosando os seus disfraces ao público e ao xurado, exhibindo as coreografías e a animación musical que acompañen a súa proposta.
O concurso organízase en 3 categorías: MINI, GRUPOS, CARROZAS, optando a 3 premios en cada unha delas.
COMO ME PODO INSCRIBIR?
Poderás inscribirte (ou inscribir ao teu grupo) cubrindo un formulario, no que se recollerán os datos necesarios, como título do disfrace, número de compoñentes, a categoría, a temática dos disfraces ou os datos da persoa que actúa como representante, entre outros.
O formulario estará deseñado para cubrir directamente en liña.
Nos casos dos disfraces colectivos, no propio formulario de inscrición deberás facilitar os datos de ata un máximo de 10 participantes do grupo e designar a un deles como representante, aos efectos do cobro dos posibles premios que poidades gañar. A persoa que designedes como responsable, no caso de que gañedes algún premio, deberá presentar un certificado bancario da conta na que debamos realizar o ingreso dos importes, facéndose cargo a partir dese momento da xestión do premio.
As formacións que necesiten música de acompañamento deberán comunicalo a través do formulario e deberán portar os seus propios equipos de amplificación ou os instrumentos necesarios.
QUE PRAZO TEÑO PARA INSCRIBIRME?
O prazo de inscrición finalizará o venres 28 de febreiro de 2025 ás 14:00h.
EN QUE CONSISTE O CONCURSO?
As/os participantes inscritas/os no concurso de disfraces achegaranse ao punto de inicio do desfile, que será anunciado con anterioridade pola organización a través da web www.sada.gal e dos perfís municipais nas redes sociais.
Haberá que participar no desfile, realizar todo o percorrido para amosar o disfrace, representar a posta en escena que acompañe, realizar as posibles coreografías, bailes ou cancións preparadas, así como interactuar co público asistente.
Unha vez iniciado o desfile, un xurado valorará os disfraces ao longo do percorrido, fixándose na posta en escena en xeral e na animación festiva dos participantes
Podedes concursar nunha destas 3 categorías:
- · MINI (ata 4 compoñentes)
- · GRUPAL (grupos de persoas disfrazadas coa mesma temática cun mínimo de 5 compoñentes).
- · CARROZAS (agrupacións con disfraces dunha mesma temática que incluirán plataformas móbiles autopropulsadas ou remolcadas, adornadas conforme á temática escollida polo grupo de participantes e relacionada cos seus disfraces).
En cada categoría outorgaremos 3 premios que serán detallados no punto 7 destas bases. Cada participante poderá concursar nunha única categoría.
Todas as persoas participantes menores de idade deberán contar con autorización materna/paterna ou de titor/a ao cargo. Esta autorización requirirase no formulario de inscrición.
O xurado disporá do tempo do desfile para realizar a valoración dos disfraces inscritos ao concurso.
O resultado das votacións farase público á finalización do desfile, no propio lugar de finalización do percorrido, tras da suma das puntuacións recollidas nas táboas de valoración dos compoñentes do xurado.
PREMIOS
Os premios outorgaranse segundo as puntuacións totais obtidas, despois da suma das valoracións parciais de cada compoñente do xurado.
Haberá 3 premios en metálico por cada categoría:
Os premios daranse a coñecer ao remate do desfile. As persoas e colectivos que resulten premiados deberán aportar a documentación necesaria para o cobro do importe que corresponda.
1 Establecemos unha compensación económica específica para a categoría de CARROZAS, co obxecto de minorar os custos derivados do combustible dos vehículos tractores, os gastos de desprazamento e o posible aluguer de plataformas remolcadas, coas seguintes condicións:
· Cada carroza participante recibirá unha contía fixa de 250€ por este concepto, sempre e cando cumpran co requisito de empregar un vehículo de tracción a motor e unha plataforma remolcada.
· Se polo número de inscricións recibidas superásemos o importe máximo establecido para este concepto (1.500€), repartiranse de xeito proporcional os 1.500€ entre o número de carrozas inscritas.
· As carrozas que decoren unicamente un vehículo pero non equipen plataformas de remolque, ou ben empreguen plataformas pero non necesiten vehículo a motor para a súa mobilidade, percibirán unicamente un máximo de 100€ por este concepto.
O xurado, previa xustificación, poderá declarar desertos algún ou todos os premios a conceder.