Dezasete concellos galegos únense á campaña "En negro contra a violencia"

18 / NOV / 2016

Dezasete concellos galegos únense á campaña "En negro contra a violencia"

O Pazo de Raxoi acolleu onte a sinatura dun protocolo de colaboración entre os 17 concellos adheridos á campaña En negro contra a violencia. No acto estiveron representados 15 destes consistorios, en concreto polos os alcaldes e alcaldesas de Ames, José Manuel Miñones; Lugo, Lara Méndez; Ribadeo, Fernando Suárez; Santiago, Martiño Noriega; Sarria, Pilar López; Vilaba, Agustín Baamonde e Zas, Manuel Muíño. Tamén estiveron os concelleiros e concelleiras de Igualdade de Cangas, Tomás Hermelo; Carballo, María del Carmen Ures; A Coruña, Rocío Fraga; Ferrol, Sainza Ruíz; Poio, Rosa Fernández; Sada, Isabel Reimúndez; Teo, Ignacio Iglesias e Tui, Laureano Alonso.

Os obxectivos da campaña son o fomento dunha acción de sensibilización cidadá contra as violencias machistas no eido municipal a través da coordinación entre concellos moi diversos e de diferentes cores políticas. Tamén se quere implicar ao tecido económico, asociativo, educativo, deportivo, social e cultural, así como a toda a cidadanía, nunha resposta colectiva de rexeitamento da violencia de xénero e dos asasinatos machistas, e incidir nos comportamentos e expresións verbais que están detrás da violencia de xénero a través do uso de materiais de campaña específicos por parte dos establecementos comerciais e axentes sociais.

A campaña comeza hoxe venres 18 e rematará o 25 de novembro de forma simultánea en todos os concellos adheridos. De momento son case 2.000 os establecementos e entidades que participarán da campaña nos 17 concellos. Poden consultarse estes datos, así como descargar material da campaña, no enderezo electrónico www.ennegrocontraaviolencia.gal.

Cuestión de Estado 
O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, quixo agradecer a presenza no día de hoxe dos concellos asinantes e lembrou que "a lacra das violencias machistas é unha cuestión que afecta a toda a sociedade, con dúas mulleres asasinadas en Galicia no que va de ano e 47 no conxunto do Estado. Por iso", engadiu, "é preciso reivindicar un pacto de Estado e a unión de todos os partidos políticos ante isto, como estamos a facer estes 17 concellos dende o ámbito municipal". O rexedor compostelán reivindicou "a rede que hoxe se segue a tecer entre todos os concellos e que vai máis alá da institución mandando unha mensaxe clara".

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, lembrou as cifras de mulleres asasinadas durante este 2016 e manifestou que "con esta sinatura amósase que hai unha soa cor, o negro, para visualizar unha lacra social que nos afecta a todos e a todas". Méndez quixo agradecer tamén a toda a sociedade lucense pola implicación na campaña.

Tamén tivo palabras de agradecemento o alcalde de Ames, José Miñones, que destacou "o labor que fan os e as traballadoras sociais dos concellos no día a día" e indicou que este tipo de iniciativas que xorden dende o local "teñen un maior impacto e chegan máis á sociedade civil".

Desde a Concellaría de Benestar Social e Igualdade do Concello de Sada consideran que a actual situación require "dunha resposta unánime de toda a sociedade pondo de manifesto o rexeitamento de todas as formas de violencia contra as mulleres". Para iso a concelleira nacionalista Isabel Reimundez animaba hai uns días ao tecido empresarial a implicarse na campaña "Sada en negro". 

A día de hoxe 52 empresas de Sada, de todos os sectores xa confirmaron a súa presenza “en negro” na campaña que se inicia hoxe, “día no que propoñemos, sinala Reimundez, vestir de loito a nosa vila, en sinal de dor por todas as mulleres que sofren violencia, e como resposta á máis dura das súas consecuencias, a morte”. 

“O protagonismo das rúas de Sada, sinala   concelleira, correspóndelle  aos comercios, son o gran escaparate que pode transmitir á cidadania a mensaxe de denuncia e solidariedade: Queremos Sada libre de violencia". 

Arquivado en