O 21 de marzo celebraremos o Día da Árbore e o Día Internacional dos Bosques, facendo especial fincapé na importancia da educación ambiental para garantizar un desenvolvemento harmónico co medio natural.
As árbores nos regalan vida, fixan o CO2 que producen as industrias e os vehículos, e o convirten no osíxeno que respiramos coa fotosíntese. As árbores proporciónannos madeira, froitos, o papel no que escribimos, abonan os nosos campos coas súas follas, reteñen o solo fronte á erosión, depuran os nosos ríos e lagoas, crean ecosistemas, hábitats diversos onde os animais poden vivir e refuxiarse, regálannos paisaxes de ensoño e espazos ó aire libre para o lecer e o desfrute da natureza.
Con motivo deste Día, “Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo” promoverá a plantación simbólica de árbores autóctonas cedidas pola Xunta de Galicia, coa idea de que eses soutos e fragas nos que se criaron os nosos avós, poidan desfrutalos os nosos netos.
Trátase de non comprometer as xeracións futuras e que os nosos descendentes poidan desfrutar da nai natureza, da súa beleza e dos recursos que nos reportan. Por todo esto, e para contribuir á recuperación das nosas variedades autóctonas, que forman parte da nosa gastronomía, toponimia e tradición, realizaremos plantacións simbólicas en todo o territorio, coa ilusión de que estas árbores que hoxe medran, se convirtan nun futuro en pequenos soutos e fragas cheas de vida.
A Reserva de Biosfera “Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo” quere enviar unha mensaxe conxunta de compromiso, non só adquirido internacionalmente coa UNESCO senón con toda a cidadanía, de cara a promover a compatibilidade de usos e facer posible o desenvolvemento socioeconómico do territorio coa mellora ambiental da nosa contorna.