DÍA INTERNACIONAL DO ORGULLO LGBTI+ DECLARACIÓN INSTITUCIONAL

28 / XUN / 2024
O Pleno da Corporación aprobou onte por unaminidade unha Declaración Institucional con motivo da celebración do Orgullo LGTBI+

O Concello de Sada manifesta o seu compromiso inquebrantable coa igualdade, a inclusión e os dereitos humanos. Cremos na importancia da visibilidade e o recoñecemento de todas as persoas, independentemente da súa orientación sexual ou identidade de xénero. É por iso que esta Corporación, no marco da celebración do Orgullo LGTBI+ deste ano, reivindica un país máis xusto, respectuoso, igualitario e libre facendo tamén noso o lema elixido para as mobilizacións deste ano: "Educación, dereitos e paz: Orgullo que transforma."

A igualdade de dereitos non debe ser unha aspiración, senón unha realidade palpable no noso día a día. Neste sentido, é esencial continuar traballando en políticas que favorezan a integración e a visibilidade da diversidade sexual e de xénero en todos os ámbitos da sociedade, máis se cabe a nivel local. Así pois, dende o noso Concello reivindicamos a necesidade de fortalecer os dereitos das persoas LGTBI+, asegurando a súa protección efectiva fronte a calquera forma de discriminación.
Cómpre destacar que a nosa vila está adherida á campaña da Deputación de A Coruña: Liberdade de ser e sentir. Unha campaña na que se destaca que en Galicia os principios de liberdade e igualdade aparecen recollidos no Estatuto de autonomía, no seu artigo 4.2. Este recolle a obriga que corresponde aos poderes públicos de «promover as condicións para que a liberdade e a igualdade das persoas e dos grupos en que se integran sexan reais e efectivas, remover os atrancos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación da cidadanía galega na vida política, económica, cultural e social».

Neste 2024 asociacións como ALAS A Coruña subliñan a importancia de volver aos principios fundamentais do Orgullo ante o avance dos discursos de odio cara aos grupos máis vulnerables. Discursos, normativas ou campañas que se promoven, nalgúns casos, dende as propias institucións impulsados formacións de extrema dereita e que non deberan ter cabida nunha sociedade libre e democrática. Son precisamente as institucións públicas as que, en primeiro lugar, deberían traballar para seguir acadando maiores espazos de liberdade e Dereitos para todas as persoas.

É por iso que hoxe, máis que nunca, o Concello de Sada quere ser un referente de compromiso coa comunidade LGTBI+, apoiando iniciativas e programas que promovan a igualdade e a liberdade afectivo sexual e de xénero. A nosa sociedade só poderá avanzar se todos e todas temos as mesmas oportunidades de vivir en liberdade e con dignidade.

Por outra banda, como en moitos outros aspectos da política, os símbolos importan. É por iso que dende esta semana ondea na fachada da Casa do Concello e no edificio da Axudantía a bandeira LGBTI+. Izamos con orgullo esta bandeira para manifestar o noso apoio á comunidade LGTBI+ e amosar o noso compromiso cun municipio aberto e inclusivo, onde toda a veciñanza se sinta respectada e valorada.

Xunt@s, construímos unha Sada máis diversa. Xunt@s, construímos unha Sada mellor