- Este programa ten como obxectivo xeral mellorar a saúde bucodental dos nenos e nenas do noso municipio de 1º e 5º de Educación Primaria e, especialmente, contribuír á redución de enfermidades máis prevalentes como son a carie e a enfermidade periodontal.
- O programa levarase a cabo na segunda quincena de outubro e na primeira de novembro onde os escolares de Sada recibirán na primeira parte do programa unha charla educativa sobre a saúde buco dental e na segunda parte recibirán a visita de odontólogos que explicarán a técnica de cepillado, a realización nos baños de técnica de cepillado con uso de reveladores de placa e farán unha exploración dental.
-“A área educativa, indica a concelleira Raquel Bolaño, pola súa transversalidade permite traballar moi diferentes aspectos, neste caso hábitos saúdables, que á súa vez redundarán no propio entorno do/da escolar e da sociedade en xeral”
Sada 5 outubro 2016.
A prevención das enfermidades bucodentais ten como etapa idónea a infancia, xa que, neste período vai aparecendo a dentadura de leite e a definitiva; é por iso o momento adecuado para adquirir coñecementos, hábitos saudables e aplicar medidas preventivas eficaces.
Desde a concellería de Educación, Xuventude e Saúde, xestionada pola socialista Raquel Bolaño, entenden que os centros docentes son o lugar idóneo xa que nos permite “chegar ao colectivo escolar para lograr mellorar o estado de saúde bucodental en escolares e promover a adquisición de hábitos alimentarios e hixiénicos saudables. Se trata dunha nova iniciativa, entorno aos 3000 euros de inversión, onde hai un punto de encontro entre a saúde e a educación para a saúde”
As enfermidades buco dentais inícianse na infancia, sendo a carie unha das enfermidades de maior prevalencia na nenez. Na idade escolar, os dentes son máis vulnerables á acción da carie. Os dentes cando erupcionan, teñen un esmalte inmaduro que se irá consolidando nos 2 ou 3 anos seguintes, e neste período son máis susceptibles á carie. Os dentes permanentes van erupcionando entre os 6 e os 14 anos idade, de aí a importancia neste período para establecer hábitos saudables de alimentación e hixiene, vixiar a saúde oral e aplicar medidas preventivas en caso de risco de carie.
Para alcanzar tanto os obxectivos xerais como os específicos o programa bucodental colle como grupo tipo de estudo epidemiolóxico e posterior avaliación do programa de saúde, desenvolvido nun prazo de catro anos ,a escolares de 1º de educación primaria e tamén de 5º de primaria, no primeiro ano de aplicación, para facer unha comparativa unha vez rematado o programa.
Segundo indica Raquel Bolaño os obxetivos xerais do programa de saúde bucodental son “a prevención de enfermidades buco dentais e adquirir hábitos saudables para manter unha óptima saúde buco dental, pero tamén búscase promover hábitos alimentarios e hixiénico saudables ou a adquisición e aprendizaxe de técnica de cepillado. A prevención sempre da máis respostas e é moito máis útil, sendo os escolares un grupo fantástico para implementar hábitos saudables e de promoción da saúde”
Os escolares aprenderán a coñecer os elementos que forman a boca e a súa función, a diferenciar os distintos tipos de dentes e as súas función así como a coñecer os utensilios de limpeza bucodental, entender que é a carie e a enfermidade das encías e diferenciar alimentos saudables e prexudiciais para a saúde buco dental.
O programa sinala Bolaño pretende tamén “concienciar á familia para lograr actitudes saudables de hixiene buco dental, evitar o consumo de doces entre comidas e desenvolver unha actitude preventiva ante posibles accidentes que puidesen afectar á dentadura do neno o nena”
Programa que se ofrece a todos os centros escolares do municipio con educación primaria.
Para a concelleira de Educación, Xuventude e Saúde, “as intervencións de promoción da saúde nos centros docentes son eficaces na transmisión de coñecementos, desenvolvemento de habilidades e apoio na adopción de eleccións positivas para a saúde, e por tanto, contribuír na diminución das desigualdades en saúde da poboación”
Estas intervencións inclúen a actuación de profesionais sanitarios nos centros docentes coa realización das revisións orais e como apoio da labor do profesorado na educación para a saúde.
Desde a concellería se ofrece o programa de saúde buco dental a todos os centros escolares do municipio con aulas de educación primaria onde informarase mediante circular, aos pais e nais dos alumnos e alumnas realización do programa de saúde buco dental acompañado dun consentimento para que o seu fillo/filla forme parte do mesmo. Ao longo do curso fixarase unha data para dar unha charla ás familias en materia de saúde buco dental, consellos e coidados para unha boa saúde desde a infancia.
Desenvolvemento do Programa
Os escolares de Sada recibirán na primeira parte do programa unha charla educativa sobre a saúde buco dental - Anatomía da boca - Función dos dentes e moas - Utensilios da hixiene oral, cepillo e pasta - Recoñecer os profesionais que tratan a saúde oral - A carie e as enfermidades das encías - Recoñecer alimentos beneficiosos e prexudiciais para a saúde - Debuxo sobre a charla
Seguidamente na segunda parte recibirán a visita de odontólogos que explicarán a técnica de cepillado, a realización nos baños de técnica de cepillado con uso de reveladores de placa e farán unha exploración dental
A avaliación, basearase na asimilación da información de educación para a saúde e na adquisición de hábitos saudables no primeiro curso de posta en marcha do programa de saúde bucodental. Nos alumnos de 1º primaria avaliaranse os índices de caries en cursos posteriores.