O Concello de Sada programa diversas actividades para as Festas do Entroido 2019
Descarga programa completo do Entroido 2019.
Desfile Entroido - Bases e Inscrición
DATAS E TEMPORALIZACIÓN:
As actividades do Entroido municipal prográmanse entre o sábado 2 e o mércores 6 de marzo.
- SÁBADO 2 Marzo: Festa Infantil de Entroido.
- DOMINGO 3 Marzo: Desfile de rúa e concurso de disfraces.
- LUNS 4 Marzo: Entroido en familia: espectáculo de clown e maxia cómica para todos os públicos.
- MARTES 5 Marzo: XXXIV Festa da Filloa de Sada con participación de agrupacións musicais/charangas.
- SÁBADO 9 Marzo: Enterro da Sardiña e peche do Entroido en Sada 2019.
SÁBADO 2 MARZO: FESTA INFANTIL DE ENTROIDO. 17:00h.-20:00h.
A carpa do Entroido acollerá unha festa de animación para que os nenos e nenas ata 14 anos gocen dunha tarde de recreo e animación. O espazo estará dividido en zonas con oferta de actividades pensadas para os máis pequenos (2 a 4 anos) e para os nenos e nenas de 5-14. Inchables, obradoiros, xogos, actividades de animación, maquillaxe e caracterización… toda unha serie de propostas lúdicas para gozar do Entroido por todo o alto. As diferentes actividades e xogos estarán controladas por monitores/as e terán espazos específicos para utilización dos participantes. Establecerase unha zona para as nais/pais acompañantes.
DOMINGO 3 MARZO:DESFILE DE DISFRACES
Importante: Suspéndese e trasládase ao martes 5 marzo ás 12:00 horas.
DESFILE DE DISFRACES:
Convidamos ás diferentes asociacións e colectivos sadenses a participar nun desfile de disfraces no que contaremos coa presenza de charangas que porán a animación musical.
Abondará con participar no desfile para formar parte no concurso de disfraces con premios en diferentes categorías: INDIVIDUAL, GRUPAL e CARROZAS.
Esta actividade está pensada para conseguir a participación de todas as asociacións de Sada, xa que serán especialmente invitadas (asociacións de veciños, asociacións culturais, clubs deportivos, etc...).
Por suposto, o desfile está aberto tamén á participación libre: non será indispensable formar parte dunha asociación para participar.
O desfile iniciará ás 18:00h desde o punto de encontro, no paseo marítimo arredor da carpa do Entroido. A comitiva sairá pola Av. da Mariña e desprazarase ata a vía de servizo paralela á mesma, discorrendo a carón do carril bici. Logo subirá á Praza Irmáns Suárez Picallo. A continuación continuará polo paseo marítimo, a carón da praia, rodeando o edificio do Náutico para finalizar na carpa do Entroido. As carrozas participantes finalizarán na Av. da Mariña, cortándose un dos carrís de circulación para permitir a súa parada e aparcamento temporal.
Unha vez na carpa organizarase a entrega de premios e continuará a festa a ritmo das actuacións das comparsas invitadas. O desfile contará cun dispositivo de tráfico coordinado pola Policía Local e o Servizo de Emerxencias Municipal.
LUNS 4 MARZO: ENTROIDO MÁXICO. 19:30 horas na Carpa do Entroido
A programación do luns vai dirixida a un público infantil e familiar. Programaremos unha tarde na que a ilusión e a comedia serán os pratos fortes, a través da actuación do Mago Tanito “ESTRELAS MÁXICAS”: unha sesión de 90 minutos de maxia cómica e moita animación para pasar unha gran tarde de luns.
MARTES 5 MARZO: FESTA DA FILLOA. 17:00h.-22:00h. - XXXIV FESTA DA FILLOA DE SADA
Festa gastronómica popular na que se repartirán arredor de 500 ducias de filloas entre o público asistente. Organizarase baixo carpa, na praza do Paseo Marítimo tras do edificio de “A Terraza”.
Nesta edición a Festa da Filloa de Sada contará coa popular “filloeira de Lestedo”, unha enxeñosa máquina atendida por varias persoas que permite a elaboración dunhas 1200 filloas por hora.
Deste xeito, os asistentes degustarán unhas filloas feitas no mesmo momento, e que contan co respaldo da “Festa da Filloa de Lestedo” declarada “Festa de Interese Turístico de Galicia”.
SÁBADO 9 DE MARZO: ENTERRO DA SARDIÑA.
Convidarase ó público en xeral a unirse ó tradicional “ENTERRO DA SARDIÑA”, que partirá da carpa situada detrás do edificio de La Terraza ás 19:30 h. Este evento consistirá nun desfile duns 30 minutos polo Paseo Marítimo, por rúas peonís e algunhas vías do centro urbano, saíndo dende a carpa. Despois de acompañar ao “defunto” polo Paseo Marítimo chegarase a un punto da Praia Nova onde se fará a queima que despedirá festivamente o Entroido.
Organizado coa colaboración de diferentes asociacións culturais sadenses, esta tradicional celebración de peche do Entroido congregará a un grande número de ”viúvas-plañideiras” para dar a despedida á nosa “Sardiña” de Entroido. Na súa homenaxe lanzarase un pequeno espectáculo de pirotecnia e a festa rematará coa animación musical da “Charanga DGT”.