Estrea en Sada de ''Velliñas'', un espectáculo que nos anima a tirar para adiante

15 / DEC / 2020

Estrea en Sada de

A peza, un divertimento de máscara larvaria pensado para a rúa, estréase este venres 18 de decembro ás 18:30 h no Auditorio Municipal-Casa da Cultura de Sada por mor dos adiamentos provocados pola Covid. 

A peza é unha homenaxe a todas as nosas persoas maiores, e un canto á vida que nos anima a tirar para adiante, sexa cal for a idade.

RESERVA A TÚA ENTRADA

Sada, 15 decembro 2020

Todas as persoas que se acheguen este venres 18 ás 18:30 h á Casa da Cultura de Sada poderán gozar da nova proposta de ButacaZero en coprodución con Inherente Teatro, unha sinxela peza de máscara larvaria, pensada para a rúa, que finalmente verá a luz no Auditorio Municipal por mor dos adiamentos provocados pola Covid.

Velliñas é un espectáculo que tenta ser un impulso para facernos camiñar de novo. Tres mulleres maiores deciden embarcarse, a pesar da idade, nunha viaxe a pé cara a Santiago de Compostela. Pero esta premisa non é máis que a escusa para facer ver en escena todos os problemas polos que pasamos día a día na convivencia: os medos que nos atrapan e non nos permiten camiñar, as imprudencias que nos fan perder o norte… E para contar esta sinxela historia que soborda a humanidade, decidimos utilizar as ferramentas actorais máis básicas grazas á máscara larvaria, e valernos dos menos elementos posibles.

Con dirección de Xavier Castiñeira e dramaturxia de Esther F. Carrodeguas sobre a peza orixinal de Inherente Teatro, tres actrices: Noelia Blanco, Noa Covelo e Pia Nicoletti, fannos entrar nun mundo máxico no que tanto a rapazada como as persoas maiores poderán gozar dun pequeno bocado teatral que nos anime a todos e todas a seguir camiñando da man de Ramona, Filomena e Anabel, tres personaxes entrañables. Porque sobre todo Velliñas é unha homenaxe a todos os nosos e nosas maiores: un canto teatral que nos empurra a non desistir no noso empeño, sexa cal for a idade.

SINOPSE

Velliñas é a tenra historia de Ramona, Filomena e Anabel, tres veciñas que día a día se achegan á aprazada vila para faceren compañía ás pombas. Pero un bo día algo novo distrae a súa rutina: unha cuncha de vieira.

Este suceso dará pé para que Filomena, a máis festeira, desexe emprender unha nova aventura: chegar a Santiago andando. Por suposto Ramona, a refunfuñona, négase en canal: onde van ir elas tres? Anabel, apoucadiña como é, non sabe que dicir: por unha parte iría, mais pola outra… Filomena non desiste no seu empeño e consegue como pode convencer a Ramona. E Anabel xa se sabe: o que digan as dúas que sexa para as tres.

Así coemza este espectáculo de rúa no que tres personaxes inesquecibles emprenden un camiño que nos permite reflectir sobre os medos que nos impiden seguir adiante, os obstáculos que nos encontramos cada día, e os problemas de convivencia cos que temos que lidar.

 

A MÁSCARA LARVARIA

As máscaras larvarias son orixinarias de Basilea, Suíza, onde se usan no seu Entroido coñecido como Basler Fasnacht. Toman o nome de larvas polas súas formas redondeadas ou afiadas, indefinidas e moi sinxelas, sen pintar, inacabadas ... Como nun estado transitorio cara a outro lugar, tamén non definido, que lle proporcionará ao actor ou á actriz. De feito, pódese albiscar unha forma humana pero non é cen por cen neta.

Jacques Lecoq introduciu este tipo de máscaras na súa pedagoxía teatral, e co paso do tempo adquiriron unha grande importancia na formación de actores e actrices. As larvas obrigan a conectarnos directamente coas nosas emocións: de aí que nazan desta técnica espectáculos moi conectados emocionalmente co público. Ao cubrir por completo a cara, obrigan a unha interpretación non verbal onde toda a importancia reside no corpo, nos xestos e nas emocións.

É unha magnífica ferramenta que nos convida a mergullarnos nunha linguaxe poética, fóra do común, onde nada é banal. E obrigan ao actor ou á actriz a explorar o terreo dos sentimentos máis fondos.

 

UNHA CREACIÓN Inherente Teatro e ButacaZero

DRAMATURXIA Esther F. Carrodeguas, sobre unha proposta de Inherente

DIRECCIÓN Xavier Castiñeira

ELENCO Noelia Blanco, Noa Covelo e Pia Nicoletti

VESTIARIO Esther F. Carrodeguas

Arquivado en