O Concello de Sada adicou o Día da Muller 2018 ás bisavoas cunha iniciativa "pioneira" na que os escolares reivindicaron o papel destas mulleres "sobre as que outrora pesaba toda a responsabilidade familiar".
A Concellaría de Educación, que dirixe Raquel Bolaño, levou esta proposta aos centros de Primaria e Infantil, cuxos alumnos achegaron explicacións e fotografías que agora, do 2 ao 8 de abril, poderanse ver na Casa da Cultura.
O proxecto "A miña bisavoa é unha muller especial" comezou cunha ficha que os escolares encheron destacando as virtudes das súas bisavoas e a completaron cunha fotografía das mesmas. O Concello recolleu os traballos o pasado 12 de marzo, logo dixitalizounos e imprimiu nuns paneis que se mostrarán na exposiciómn da Casa dá Cultura Pintor Llorens para que as familias poidan visitala a acompañados dos pequenos.
A iniciativa xa se realizou centrada nas avoas e "tivo un resultado moi positivo", afirma Bolaño, quen busca combinar unha homenaxe á muller e un exercicio de memoria histórica.