ILUMINA O NADAL, NOS PAGAMOS A LUZ

04 / DEC / 2017

ILUMINA O NADAL, NOS PAGAMOS A LUZ

Con motivo das vindeiras datas, a concellería de  Educación, Xuventude e Saúde quere animar aos comercios de Sada a que participen coa súa decoración de Nadal, no ánimo de contribuir a que o ambiente festivo que se inicia co “Acende o Nadal” se instaure nas rúas do noso pobo.

Bases Concurso Ilumina o Nadal

Solicitude de inscrición no concurso Ilumina o Nadal

Poderán participar neste concurso todos os establecementos de Sada abertos ao público (independentemente do sector ao que pertenzan) e que dispoñan dun espazo a decorar visible dende a rúa, cubrindo un formulario online que estará dispoñible na web www.sada.gal nun banner permanente habilitado para a ocasión. O prazo para realizar dita inscrición estará aberto desde o día 5 até o 22 de decembro ás 18.00h.

A decoración do espazo será a propia da época, sendo imprescindible ter iluminación navideña e deixando total liberdade en canto á técnica a desenvolver, “non sendo preciso grandes custes, sinalan desde a concellería de Educación,  senón deixar fluir a imaxinación”. As creacións deberán permanecer coa decoración presentada dende o inicio do período de votación até o día 6 de xaneiro inclusive.

Durante o periodo de inscrición, os negocios inscritos deben enviar ao correo omixsada@gmail.com a fotografía da decoración deseñada que será colgada no Facebook OMIX SADA o día 23 para o inicio das votacións, indicando a que establecemento corresponde dita fotografía.

Un xurado formado por sadenses con vinculación ás artes plásticas e decorativas e designado pola concellería organizadora elixirá en votación o establecemento gañador. A votación realizarase no local da OMIX previa visita dos membros do xurado aos establecementos inscritos e visionado das fotografías dos escaparate. Asemade calquera persoa cunha conta en Facebook e que lle de a “ME GUSTA” no perfil OMIX SADA (requisito imprescindible para poder participar), poderá realizar a votación na galería de Fotos “Ilumina o Nadal 2017” que estará habilitado dende o día 23 de decembro e até o 6 de xaneiro de 2018 até ás 18.00h. Ten que darlle a “ME GUSTA” dentro de cada foto que considere, podendo facelo en máis dunha dentro desa mesma galería. A partir das 18.00h dese 6 de xaneiro procederase á contabilización do número de “ME GUSTA” en cada fotografía. Independentemente da votación, e de forma voluntaria, aqueles participantes que o desexen poden deixar o seu comentario dicindo que é o que máis lles gusta de cada decoración que elixan, así como etiquetar o perfil da OMIX nas súas publicacións ou utilizar o hashtag #IluminaONadal

Despois de computarse cada “ME GUSTA” en cada unha das fotografías que compoñen a galería do álbum “ILUMINA O NADAL” que integran os negocios participantes, publicaranse os resultados das dúas votacións no perfil do Facebook da OMIX SADA e posteriormente na páxina web do Concello

Tal e como intenta o título da iniciativa, os negocios sadenses iluminan o Nadal e o Concello axuda cunha aportación económica ao pago da luz, quedando así establecidas dúas categorías de premios unha do xurado e outra do público, sendo ambas de 200€ e unha placa conmemorativa. Os premios destas diferentes categorías poden ser compatibles e por tanto acumulativos.

Unha vez publicitados os escaparates gañadores e comunicado aos seus respectivos representantes, establecerase previamente un día para que sexa entregado un cheque simbólico nos respectivos establecementos, xa que o premio en metálico será aboado a través de transferencia.

Arquivado en