GAÑADORES/AS CONCURSO (RE)INVENTANDO FLORENCIO DELGADO GURRIARÁN

24 / AGO / 2022

GAÑADORES/AS CONCURSO (RE)INVENTANDO FLORENCIO DELGADO GURRIARÁN

A Concellería de Normalización Lingüística do Concello de Sada convocou un concurso de creación literaria de participación aberta ao conxunto da comunidade na modalidade de poesía parao que xa fallou os premios. A iniciativa enmarcouse dentro do marco de celebración das Letras Galegas e complementa ao conxunto coa programación cultural municipal.

PREMIOS:

Tres categorías e, en cada categoría, un premio único. 

1ª Categoría (até os 13 anos). GAÑADORA: MARÍA GONZÁLEZ BLANCO. Premio único: un iPad  mini e un lote de libros 

2ª Categoría (dos 14 aos 17 anos): GAÑADORA: AMALIA BLANCO POSE . Premio único: un mini iPad mini e un lote de libros 

3ª Categoría (18 anos ou máis). GAÑADOR: XULIÁN BARROS REIMÚNDEZ. Premio único: un eBook e un lote de libros.  

 

RELATOS GAÑADORES:

1ª Categoría (até os 13 anos). GAÑADORA: MARÍA GONZÁLEZ BLANCO. 

“Ao meu carón”.


Vente, ventiño do Norte,
non te quedes atrás,
polos ríos e polos montes
ti has de navegar.
Non esquezas polos pobos pasar,
que as xentes cho agradecerán.
Tocarán a campá de benvida,
as follas das árbores voarán.
Ti serás o retrouso
dunha bonita canción.
Unha cantiga galega,
que cantas por unha boa razón.
Andas recollendo arelas
e cunchas no mar,
nesta fermosa terra
que todos temos que amar.
Ai! ventiño do norte,
nun tarro voute gardar.
Cando vai chegando a noite,
durmo ben de te escoitar.

 

2ª Categoría (dos 14 aos 17 anos): GAÑADORA: AMALIA BLANCO POSE 

Lume e xuízo

As xestas e as uces
quéixanse do vento,
do vento, que brua
nas arbres batendo.

O lume condénase a si mesmo,
no xuízo máis precario.
Remata coa súa incandescencia,
deixa de ser, de chiar.

A auga afógase, pragada da pólvora
máis tóxica. Afógase e arde a barlovento,
segue o transcurso dun reloxo a deshora
e leva as súas augas a contracorrente.

A terra praguea ó aire, ceo e estrelas.
Xulga a liberdade, xulga o velear sen destino.
Deixa saír un alarido coas voaniñas,
autoconsómese, remata no fado máis desaposto

O xuízo, un furacán caótico.
Unha idealización abxurada.
In artículo mortis,
só queda o tempo.

Sensación melífera que se cre inacabable,
ilusión fuxidía, cadeas en bonecas e xeonllos.
Pero hoxe existe un prodixio,
xuíz de Deus, asestando balazos a toda
precariedade.

Remata o xuízo.
A auga só respira.
O lume só olla.
A terra só razoa

 

3ª Categoría (18 anos ou máis). GAÑADOR: XULIÁN BARROS REIMÚNDEZ

EXISTENCIAS

Vente, ventiño do norte,
escóitalo?
Non o sentes?
É o latexo de mil vidas
esquecidas
enterradas nalgures
por un predicador idiota
que nunca creu
na beleza dun beixo clandestino
que pasa a noite danzando
de boca en boca.
Nin en almas resucitadas tras íntimas viaxes
polas liñas dun corpo
eternamente visitado.
Tampouco en escuras bágoas feitas luz
pola maxia
dunha verba asasina de ausencias.
Mais tamén é o son dunha triste canción
convertida en gargallada
por dous corazóns solitarios
que celebran aínda sorprendidos
a miragre de terse encontrado

 

CONCURSO:

Esta convocatoria enfocábase na promoción do emprego da lingua galega así como en acadar finalidades de interese público no eido da promoción cultural, como son:

  • Promover o coñecemento da figura e a obra de Florencio Delgado Gurriarán.
  • Fomentar a participación activa da comunidade local na creación de contidos culturais.
  • Promover e fortalecer o uso da lingua galega en todos os ámbitos sociais.

 

EN QUE CONSISTIU?

“(Re)inventando Florencio Delgado Gurriarán” é un certame de poesía en galego que ten como obxectivo fomentar a creación literaria na modalidade de poesía, así como dar a coñecer a figura de Florencio Delgado, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2022. Este concurso literario está aberto a toda a comunidade, sen límite de idade. As persoas que quixeren participar poderán crear unha poesía inspirada na obra literaria deste autor.

 

QUEN PARTICIPOU?

Podía participar calquera persoa, independentemente da súa idade, que respectar os prazos de presentación dos textos e que cumprir cos requisitos que se recollen no seguinte punto.

 

HAI ALGÚN REQUISITO?

As obras terían tema libre e terán unha extensión mínima de 20 versos e máxima de 50 versos. Presentaronse en formato .pdf escritos con espazo duplo e fonte Times New Roman 12.

Só se admitiron textos escritos en galego.

Todos os traballos deberán ter un título.

As persoas concursantes deberon escoller só un dos seguintes versos  procedentes da obra poética de Florencio Delgado, que terá de estar sinalado en letra cursiva e aparecer obrigatoriamente ao comezo do texto, marcando deste xeito o inicio da poesía. Así, partindo dunha obra xa publicada, será posíbel (re)inventar e dar continuidade ás palabras do autor de acordo coas preferencias persoais de cada participantes.

 A seguir preséntase a serie de versos tirados das obras de Florencio Delgado para a elección de cada persoa concursante: 

 

Ahí ven o Maio pola porta do xardín,

Ahí ven o Maio de enterrar ao pai Abril

(O Maio garrido cansiño de chorar,  enxoitóu o seu pranto con panos de luar).

(Cantarenas (1981)

 

Vente, ventiño do norte,

Vente, ventiño norteiro

a cantarme, nos ouvidos,

a canzón do frío inverno;

(Cantarenas [1981])

 

As xestas e as uces

quéixanse do vento,

do vento, que brua

nas arbres batendo.

(Cantarenas, 1981)

 

¿Hai acorso concertado?

¿Conqueriuse a solución

Como é xusto e asisado?

     ¡Inda non!

(O soño do guieiro [1986]    

 

Verdade de “Perogrullo”

que  compre non esquecer:

Galiza é soio Galiza

Inda que o non queira ser.

( O soño do guieiro , 1986)

 

Rataplán, plan, plan…

Taratachín, chin, chin…

Non, sin ; sin, non.

Ou non ou sin ¿Nonsín?

(O soño do guieiro, 1986)

 

Os textos presentaranse en formato dixital e enviaranse por correo electrónico ao seguinte enderezo: cultura@sada.gal, indicando no asunto do correo Certame Literario “(Re)inventando Florencio Delgado Gurriarán”. Remitiranse 2 arquivos adxuntos: un coa poesía en formato .pdf e outro coa folla de inscrición.

 

CANTAS CATEGORÍAS E PREMIOS HAI?

Estabeleceranse tres categorías e, en cada categoría, un premio único. De ficar algún dos premios dunha categoría sen outorgar poderá  ser concedido  ao  doutras categorías .se o xurado así o considerar.

1ª Categoría (até os 13 anos)

  • Premio único: un iPad  mini e un lote de libros 

2ª Categoría (dos 14 aos 17 anos)

  • Premio único: un mini iPad mini e un lote de libros 

3ª Categoría (18 anos ou máis)

  • Premio único: un eBook e un lote de libros.  

 

CALES SON OS PRAZOS?

Os traballos poderanse presentar a partir do día seguinte ao da publicación das bases na páxina web municipal e nos perfís de RRSS do Concello de Sada.

O prazo para a presentación dos textos abrirase a partir do día seguinte ao da publicación, pechándose o día 31 de maio as 14:00.

 

QUEN ESCOLLE A PUBLICACIÓN GAÑADORA?

As autoras e os autores dos traballos presentados cederán á Concellaría de Normalizacion Lingüística do Concello de Sada o dereito de uso para a súa difusión en diferentes publicacións municipais, unicamente con fins divulgativos.

 

ONDE SE PUBLICARÁN OS TRABALLOS?

O Concello de Sada publicará os textos premiados na páxina web municipal e nos perfís de RRSS no decorrer da semana seguinte á da resolución dos premios.

Arquivado en