Sada acollerá o vindeiro domingo 23 de febreiro a estrea de ‘As aventuras de Nabiza Girl. O estraño caso da Cultura Minguante’. Isabel Risco escribe o texto xunto ao guionista Carlos Ares e Fran Rei, director da obra, e comparte escena co intérprete Alberte Bello
ENTRADA 3€ (RESERVA A TÚA BUTACA)
Isabel Risco volverá enfundarse neste 2025 na pel da súa personaxe Nabiza Girl, superheroína destemida que se verá na obriga de combater desde os escenarios o paulatino esmorecer da cultura galega. Esa é a esencia d’As Aventuras de Nabiza Girl. O estraño caso da Cultura Minguante, espectáculo que se estreará o domingo 23 de febreiro ás 19.00 h na Casa da Cultura Pintor Lloréns de Sada. Este Concello acolleu a residencia artística durante a que se desenvolveron os ensaios deste espectáculo, produción conxunta entre Isabel Risco e a produtora La Yogurtera. A distribución corre a cargo de Culturactiva. A xirará continuará o 14 de marzo no Centro Ágora da Coruña, en Barbadás o 28 de Marzo e en Muros o 5 de abril. As entradas para Sada pódense adquirir xa na web do Concello.
Con esta nova montaxe escénica, a actriz, clown e autora Isabel Risco recupera para a escena a Nabiza Girl, personaxe que foi medrando ao longo dos anos e espallando a súa pegada por diferentes disciplinas artísticas. No ano 2023, Risco en colaboración co guionista Carlos Ares e co debuxante Manel Cráneo, xunto á produtora Marta Horjales aos mandos da coordinación, lanzou a banda deseñada As aventuras de Nabiza Girl. Operación Breogán (Demo Editorial, 2023). Xa no 2024, o mesmo equipo empurrou a Nabiza Girl para que saltase ao audiovisual con Así falamos, así sentimos, unha serie web en stop-motion creada pola produtora coruñesa Algarabía Animación para a súa difusión en redes sociais co obxectivo de reforzar a identidade galega entre a mocidade cun ton natural e desenfadado.
Afouteza e humor
Agora, en 2025, Nabiza Girl regresa ao seu espazo orixinal, os escenarios, onde volverá a encontrarse cun público que sempre foi fiel a esta popular superheroína do rural, ben recoñecida pola súa característica indumentaria -que inclúe a fouce e a estrela vermella- e polos seus superpoderes, entre os que se inclúen a afouteza, unha conciencia inequívoca sobre a identidade galega e un manexo impecable do humor.
Con esas armas, Nabiza Girl enfrontarase desta volta a un novo e grave reto: o esmorecer da cultura galega. A loita para reverter esta situación, que inclúe entre outros perigos a mingua de falantes que reflicten as estatísticas, será o leitmotiv deste novo espectáculo escénico que Risco escribe xunto ao xa citado Carlos Ares e Fran Rei, quen se encarga tamén da dirección da obra. Nesta aventura, a superheroína non estará soa, xa que contará coa compaña de Don Galizo, un leal escudeiro interpretado por Alberte Bello que porá todo tipo de atrancos cómicos.
Con estes ingredientes se compón As aventuras de Nabiza Girl. O estraño caso da Cultura Minguante, un espectáculo trepidante e divertidísimo no que Nabiza Girl recunca no seu compromiso coa igualdade e coa nosa lingua para vencer as forzas do mal. Unha vitoria que se conquistará con grandes doses de humor. O equipo da montaxe complétase coa coreógrafa Estefanía Gómez, quen se encarga do movemento escénico; Suso Montero, quen xunto á propia Risco deseña a escenografía; Javier A. Ayude, responsable da iluminación, e Marta Horjales como coordinadora.