Magos de Oriente interactivos en Sada

18 / DEC / 2020

Magos de Oriente interactivos en Sada

A actividade, pensada para as familias, componse de tres rutas: a de Melchor, a de Gaspar e a de Baltasar, onde se irán sucedendo pistas a través de códigos QR, para poder contestar as preguntas que dan acceso aos agasallos que entregarán os paxes dos Reis Magos, á vez que os/as nenos/as lles entregan as cartas.

TODA A INFORMACIÓN DA ACTIVIDADE AQUÍ

Sada, 18 decembro 2020

O Concello de Sada decidiu, por responsabilidade debido á actual crise sanitaria, non programar a tradicional cabalgata de Reis Magos este ano, mais neste municipio non se prescindirá da súa presenza, xa que os Reis de Oriente visitarán o municipio dunha maneira interactiva e segura para as familias.

Aínda que non haberá carrozas, para evitar aglomeracións, si moita animación festiva para manter o espírito destas celebracións. Para non renunciar á ambientación do Nadal, están previstos números circenses polas rúas da capital municipal e un percorrido do séquito do carteiro real para recoller as cartas dos máis pequenos, que tamén terán este ano como recompensa premios e doces.

 

A través dos centros educativos farase chegar aos nenos e nenas, antes das vacacións, un cartón coas instrucións para unha actividade que se vai desenvolver o día 5, a tarde-noite de Reis de catro a oito. O departamento de Cultura tamén aproveitará para remitir a programación que impulsa para as festas do Nadal e facilitará un modelo de carta para escribir aos Reis. Os pequenos do municipio que non estuden en Sada poden recoller este material nas oficinas da OMIX a partir do próximo luns en horario de 9:00-14:00 horas.

Estes Reis interactivos son como unha xincana polo centro urbano. No cartón que se entrega aos/ás nenos/as veñen sinalizados os tres percorridos, un por cada Rei Mago. Nas rutas hai varios puntos con códigos QR e pistas para resolver. Unha vez contestadas as preguntas, os nenos poden acudir xunto aos paxes reais, que premiarán as respostas con lambonadas.

Alén destas rutas máxicas, a programación do Nadal en Sada comeza este domingo co Concerto de Nadal, a cargo de instrumentistas da Banda Municipal no Auditorio da Casa da Cultura ''Pintor Lloréns''. O martes 22 prográmase circo na rúa con Moc-Moc e O Folión do Zampón, de Fantoches Baj. O mércores está previsto que os Elfos Carteiros recollan as cartas de Papa Noel mentres percorren o municipio co seu cabriolé.

O día de Noiteboa será o propio Papa Noel o que xogue aos agochos por Sada, e, quen o encontre, levarase caramelos como premio. Os días 28, 29 e 30 haberá diferentes espectáculos na Casa da Cultura, como Malas palabras de Katarsis: unha emocionante historia sobre a adopción; a Historia de Meme, o caracol prehistórico; e Brinca Vai!, respectivamente. A programación inclúe cinema para comezar o ano: Los Goonies (día 2), Los Futbolísimos (día 3) e Cavernícola (día 4).

Arquivado en