Arranca a xira de outono de ButacaZero. Volve a activarse este tren teatral coa chegada da diva María Casares, 25 anos despois da súa morte, á Casa da Cultura de Sada. A función, de título Despois das ondas, será o domingo 17 de outubro na Casa da Cultura de Sada "Pintor Lloréns", ás 20h con entradas de balde previa reserva
Aqueles persoas que se acheguen o domingo 17 de outubro á Casa da Cultura de Sada (Entradas) poderán revivir á grandísima María Casares, iso si: grazas á maxia do teatro. ButacaZero e a Deputación da Coruña embarcáronse o pasado ano neste grande reto coa peza Despois das ondas, de Ernesto Is, baixo a dirección de Xavier Castiñeira, quen consegue sacar de Belén Constenla unha das súas mellores interpretacións encarnando a unha das personaxes galegas máis internacionais: a grande diva do teatro e o cinema francés do século XX María Casares.
Ernesto Is, quen levou por esta peza Premio Rafael Dieste da Deputación da Coruña, propón unha viaxe en tren no que a diva do teatro vai recordando a súa vida, dende a súa infancia na Coruña, ate a chegada da República, a Guerra Civil, o exilio, o seu éxito profesional como actriz francesa ou a morte do seu grande amor: Albert Camus.
Pero Constenla non estará soa en escena, completan o elenco Nerea Brey, quen tamén se colocará na pel da diva na súa infancia e xuventude, e Sonsoles Cordón, quen amosará a súa versatilidade escénica entre bailes, coreografías e creación de numerosas personaxes.
Con todo, non serán as únicas que se suban ás táboas do Auditorio, pois outras catro persoas estarán en escena para que a maxia do teatro e a do cinema se poidan mesturar. Roi Fernández foi o encargado do deseño da parte audiovisual, e estará acompañado en escena por Esther F. Carrodeguas, Beatriz de Vega, e Ernesto Is, quen se encargará de xerar os sons tamén en vivo e en directo. Os catros son os encargados de que o teatro se convirta nun plató de cinema e de que os espectadores poidan ver un espectáculo tan teatral como cinematográfico.
SINOPSE
Despois da guerra, do exilio, da morte, do éxito, da soidade, do amor; despois de corenta anos, María Casares regresa á patria da súa infancia nunha xira teatral.
A nena medrou para converterse na gran actriz da escena e do cinema francés, no símbolo da España refuxiada, no recordo dunha Galicia perdida na brétema do pasado. Será precisamente nesa néboa onde a gran Casares deberá perderse para atopar o significado dunha vida chea de éxitos e perdas, onde as pantasmas que resoan na súa memoria axudarana a responder á verdadeira razón desta viaxe: quen é María?
Nesta peza mesturando cine en directo, teatro e música poderemos percorrer os lugares e momentos da vida de María Casares na súa viaxe de retorno tras corenta anos de exilio.