Mercedes Peón levará a súa Xira Ingrávida o 5 de agosto a Sada no XVI Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia

20 / XUL / 2023

Mercedes Peón levará a súa Xira Ingrávida o 5 de agosto a Sada no XVI Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia

A programación de terra prevista para o evento inclúe música, obradoiros infantís e mostras de patrimonio marítimo e fluvial e oficios tradicionais, entre outras moitas actividades

PROGRAMA XVI ENCONTRO EMBARCACIÓNS TRADICIONAIS DE GALICIA

 

A cantante e instrumentista Mercedes Peón levará o vindeiro 5 de agosto a súa Xira Ingrávida ao XVI Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, que se celebrará en Sada entre o 3 e o 6 de agosto.

Este concerto é o prato forte da programación musical, onde a artista coruñesa repasa temas dos seus cinco discos editados en solitario durante máis de dúas décadas, pero haberá música no paseo de Fontán durante os catro días de evento, con Os de Abaixo, Faltriqueira, Habelas Hainas, Lenda Ártabra ou Bule Bule Band.

A programación de terra inclúe mostras sobre o patrimonio marítimo e fluvial, de oficios tradicionais ou presentacións literarias, así como actividades infantís ou postos de venda de artesanía, entre outras moitas atividades.A organización do Encontro planificou concertos nocturnos no Espazo Sons do Mar, no paseo de Fontán. Alí actuarán, o xoves, Os de Abaixo, que darán pé, o venres, a Faltriqueira (22.30h) e Habelas Hainas (23.30h).

O sábado, abrirá, ás 22.30 horas, Lenda Ártabra, que dará paso, ás 23.30 horas, ao concerto de Mercedes Peón, dentro da súa Xira Ingrávida. A actuación do domingo, ás 22.00 horas, correrá ao cargo da Bule Bule Band. Ademais, nas mañás do xoves, venres, sábado e domingo haberá ruadas da man de Nova Troula, acompañada o domingo do seu grupo de canto, a quen se unirán tamén, o sábado á tarde, Queiroa.

A programación de terra, que terá no porto de Fontán o seu epicentro, contará con mostras sobre patrimonio marítimo e fluvial, tanto no Pavillón do Patrimonio como na Carpa Balbina, que concentrará a programación impulsada por Xavier Brisset e Os Patexeiros, ademais dunha chea de exposicións, presentacións literarias e de proxectos, mostras de oficios tradicionais vinculados ao mar e mesmo unha andaina ata Lourido, acompañando a navegación tradicional.

Como cada ano, este XVI Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia organiza “O mar para tod@s”, que recolle a programación de actividades para persoas con diversidade funcional, como a navegación inclusiva. Nesta edición, a entidade convidada é Aspace, confederación que engloba persoas con parálise cerebral e as súas familias. O programa reserva tamén un amplo abano de actividades dirixidas ao público infantil, con espectáculos de maxia, musicais e de teatro durante as catro xornadas.

As propostas para a rapazada complétanse cunha serie de obradoiros, desde estampado de camisolas, música tradicional ou a construción de barquiños de vela de xoguete con madeiras á deriva. O XVI Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia contará ademais con postos de venda de Aspace, da libraría e editorial Bululú, de Aura Noctis e de Serigrafía MEU (Enmarcación creativa con refugallo e camisetas mariñeiras), e tamén se poderán adquirir láminas de Xosé Iglesias.

Xa durante as datas do evento, haberá navegacións pola costa sadense e as localidades próximas durante as catro xornadas, así como unha concentración e exhibición dos participantes no porto de Fontán, visitas guiadas ao interior dos barcos e un bautismo de mar de novas embarcacións. Nesta altura, o Encontro ten confirmada xa a participación de 78 barcos e agarda chegar ata os cen. O prazo de inscrición segue aberto ata o día 27 na web do encontro.

A programación de mar comeza este mesmo mes, cando dá comezo o III Convoi Tesa a Escota Proa a Sada, que arriba en Muros o vindeiro día 23 para navegar até Sada, a onde chegarán os barcos o 30 de xullo, procedentes de distintos enclaves.

Por outra banda, a inscrición para participar na expedición da goleta Evangelina, construída en 1912, que sairá de Rianxo o 2 de agosto para chegar a Sada o día 3 ou na viaxe dende Vigo a bordo do barco histórico Atyla, que está xestionado por unha entidade benéfica, entre o 30 de xullo e o 5 de agosto, está aberta e aínda quedan prazas. Unha vez no porto de Fontán, estas dúas embarcacións poderán ser visitadas e as persoas interesadas poden contratar excursións pola ría. Para estas actividades, a reserva está dispoñible na páxina web do encontro e igualmente será posible facer percorridos no Joaquín Vieta. A inscrición para participar neste XVI Encontro segue aberta e pode realizarse no formulario que se atopa na páxina web do encontro, onde igualmente é posible anotarse como parte do voluntariado, para vivir este evento desde dentro. 

Arquivado en