- Este ano combinaranse, o mesmo día, concertos pop-rock na Praza Suárez Picallo con sesións de baile e concertos tradicionais na Carpa Acendida.
-O 16 de agosto actuarán xunto á La Habitación Roja os coruñeses Triángulo do Amor Bizarro e os sadenses The Trunks, ambos os grupos chegarán a Sada despois de actuar no Sonorama.
-O 17 de agosto celebrarase a segunda edición do UrbanFeel Festival con numerosas actividades de arte urbana, talleres didácticos, exhibicións e concertos.
Sada, 17 xuño 2016.
A concellaría de Cultura, xestionada polos socialista Marcos Villar, está a pechar o cartel de actuacións musicais e actividades para as festas patronais.
Villar sinala que "aínda sabendo que resulta difícil o obxectivo é cubrir un amplo abanico de gustos musicais con actuacións de corte pop, indie, orquestras, rock, folk e un grupo dirixido expresamente a un público máis novo".
Unha das novidades este ano será a combinación o mesmo día de concertos en distintas localizacións para que poidan gozar novas e maiores de distintos estilos musicais.
Así o 15 de agosto, festivo nacional, terá lugar na praza Irmáns Suárez Picallo o concerto de Nacha Pop que contará co grupo local Ruta 77 de teloneiros. Ese mesmo día na Carpa Acendida (unha gran carpa en forma de iglú situada detrás da terraza) está programada a lectura do pregón xunto ao festival de Habaneras e o concerto de Amizades.
O mesmo ocorrerá o 16 de agosto, festivo local, onde se programa un concerto de corte indie coa presenza no escenario da praza Irmáns Suárez Picallo de La Habitación Roja xunto a Triangulo do Amor Bizarro e The Trunks, estes dous últimos grupos chegarán a Sada xusto despois de actuar no Sonorama tres días antes. Á súa vez na Carpa Acendida prográmase unha sesión de baile ao máis puro estilo das orquestras tradicionais para poder dar continuidade ás sesións de música que tradicionalmente se realizaban en Sada durante as festas.
Tal e como coinciden as datas este ano incorpórase o fin de semana previo cunha programación de nivel polo que na práctica pódese falar de sete días seguidos de festas patronais. Comezarán o venres 12 e alargaranse até o día da sardiñada o mércores 18 de agosto
Os días 12,13 e 14 a concellaría programa días temáticos de rock (Reincicentes) , xuventude e folk respectivamente incluíndo actividades, gastronomía e concertos o tres días na carpa acesa.
Finalmente os días 17 e 18 será a quenda das orquestras coa participación das orquestras New York e Aché, actualmente entre os primeiros postos do ranking de orquestras en Galicia.