NAMÓRATE MERCANDO EN SADA

31 / ENE / 2023

NAMÓRATE MERCANDO EN SADA

A concellería de Cultura, Turismo e Comercio organiza o sorteos que acompañarán á Campaña de promoción das compras no comercio local «San Valentín en Sada», que comezará o día 6 de febreiro e rematará o 14 de febreiro de 2023, día de San Valentín.

Bases sorteos campaña Namórate mercando en Sada

INSCRICIÓN CAMPAÑA DE PROMOCIÓN DAS COMPRAS NO COMERCIO LOCAL - SAN VALENTÍN EN SADA 2023

 

QUEN PODE PARTICIPAR? COMO ME INSCRIBO?

PÚBLICO:

Pode participar calquera persoa maior de 15 anos que realice as súas compras nos comercios sadenses adheridos á campaña, sen necesidade de inscrición previa de ningún tipo. Con cada compra de importe superior aos 5€ recibirán unha tarxeta de felicitación.

O seu papel será o de “namoradas do comercio sadense”, que tratarán de ser correspondidas cunha cea romántica.

COMERCIOS:

Poderá participar calquera establecemento comercial con sede en Sada. No seu caso deberán inscribirse previamente, facéndonos chegar o formulario de inscrición para comercios (ANEXO) a través do Rexistro Municipal, ben sexa de forma telemática (sede.sada.gal) ou de forma presencial (Av. da Mariña 25, de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00) 1.

Prazo de inscrición: dende a publicación destas bases ata o 3 de febreiro. Folla de inscrición

O seu papel consistirá en difundir a campaña e entregar á súa clientela tarxetas de felicitación do San Valentín por cada compra de valor superior aos 5€. Cada tarxeta terá un número de participación para os sorteos. Os comerciantes serán os “celestinos” entre as persoas participantes e os premios da campaña.

HOSTALARÍA:

Os establecementos de hostalería con sede no Concello de Sada poderán inscribirse na campaña. Igual que no caso dos comercios, deben inscribirse previamente facéndonos chegar o formulario de inscrición para comercios a través do Rexistro Municipal, ben sexa de forma telemática (sede.sada.gal) ou de forma presencial (Av. da Mariña 25, de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00) .

Prazo de inscrición: dende a publicación destas bases ata o 10 de febreiro.

O seu papel será o de ofrecer unha “inesquecible cea romántica” para as persoas agraciadas nos sorteos.

 

CALES SON OS PREMIOS?

A campaña Namórate mercando en Sada inclúe os seguintes premios:

  • Ante todo... a satisfacción de mercar no comercio de proximidade e a ilusión de participar do San Valentín.
  • 3 ceas valoradas en 100€ cada unha.
  • As persoas premiadas escollerán o establecemento de hostalaría no que desexan degustar o seu premio, de entre os establecementos que se inscriban na campaña.

 

COMO FUNCIONA ESTA PROMOCIÓN?

O Concello de Sada difundirá a través dos seus medios (web/rrss/pantallas de rúa) a listaxe de comercios participante na campaña.

A campaña comezará o luns 6 de febreiro. A partir desta data as persoas que se acheguen a mercar nos comercios inscritos recibirán coa súa compra unha amorosa tarxeta de felicitación do San Valentín.

Cada tarxeta conterá un número de participación para o sorteo do día 14 de febreiro.

O propio día de San Valentín pola tarde realizaremos un sorteo público que será retransmitido en directo polo perfil de facebook do Concello de Sada (www.facebook.com/concellosada). Os números premiados anunciaranse na web municipal (www.sada.gal) e nos perfís municipais en redes sociais.

Extraeremos e anunciaremos 3 números que corresponderán con números de 3 tarxetas de felicitación. As persoas que posúan algunha das tarxetas premiadas deberán contactar coa Concellería de Cultura, Comercio e Turismo (cultura@sada.gal) para reclamar o seu premio.

As persoas premiadas poderán escoller o establecemento de hostalaría no que queren gozar da súa cea, de entre os inscritos na campaña.

 

PUBLICIDADE E DIFUSIÓN DA CAMPAÑA

O Concello de Sada realizará unha campaña de promoción que incluirá a difusión dos establecementos comerciais participantes. Na campaña incidirase no interese xeral de realizar as compras de proximidade e da importancia de manter un comercio local vital, para encher de vida a nosa vila.

 

OUTRAS CONDICIÓNS

FISCALIDADE:

Os importes correspondentes aos premios poderían estar suxeitos a retencións fiscais, polo que se tomarán as medidas seguintes:

  • PERSOAS PREMIADAS: o premio imputarase a efectos fiscais entre as persoas beneficiarias. A estes efectos, para a xestión dos premios recolleranse os datos das persoas gañadoras.
  • MENORES DE IDADE: no caso de persoas menores de idade que resulten premiadas, deberán presentar o seu DNI para a tramitación do premio, previo consentimento das persoas titulares da patria potestade ou da súa tutela. O tratamento dos datos de carácter persoal requirirá do consentimento expreso das premiadas.

 

Arquivado en