O grupo de nenas e nenos "Stranger Circus", gañadores do primeiro premio categoría grupal do Entroido 2020 de Sada, doaron o premio de 700 euros ao programa de alimentos de Cruz Vermella da localidade.
Sada, 18 xuño 2020
Na tarde de onte oficializouse a entrega do premio de 700 euros, que lle correspondía ao grupo de nenos e nenas de Sada, Stranger Circus, que resultaron gañadores do primeiro premio categoría grupal do Entroido 2020 e que á súa vez doaron o importe íntegro ao programa de alimentos de Cruz Vermella de Sada.
Os nenos e nenas de 5º de primaria do Colexio Pedro Barrié da Maza de Mondego xunto con irmáns, amigos e familiares caracterizáronse de distintos personaxes de circo para participar no concurso que cada ano organiza o Concello de Sada polo Entroido resultando gañadores na categoría grupal.
Debido ao estado de alarma polo Covid-19 a concellaría de Cultura non puido entregar o premio, que consistía nun vale de 700 euros para gastar en calquera establecemento do municipio, en datas anteriores. Polo que dita entrega oficializouse onte nun pequeno acto.
Precisamente a circunstancia do Covid-19, unida ao aumento da demanda de usuarios do programa de alimento de Cruz Vermella, foi determinante para que os propios nenos e nenas decidisen á súa vez investir o premio nunha tarxeta regalo do supermercado Eroski de Sada e doala ao programa de alimentos Cruz Vermella. A esta iniciativa sumouse tamén a cadea de supermercados achegando outra tarxeta de 150 euros en alimentos, que entregaron á Cruz Vermella no mesmo acto.