- A piscina, xestionada pola concellería de Deportes, pechou as súas portas o pasado domingo 15 de setembro batindo record de asistencia desde que fai catro anos o goberno local decidise abrila ao público en periodo estival asumindo os gastos de mantemento e do persoal socorrista.
Sada, 19 setembro 2019.
O pasado domingo 15 de setembro pechou as portas a piscina das Cerámicas do Castro que desde o pasado 11 de xullo abriu de maneira gratuita todos os días ao público. A aposta que realizou o alcalde de Sada, Benito Portela, “tendente a pór en valor espazos culturais e de lecer do municipio” permitiu recuperar unha piscina que estaba en desuso desde o 2008 e que estase a converter nunha atracción de ocio do verán sadense.
Este verán desde a súa apertura preto de 9.000 usuarios (8.937) disfrutaron das instalacións que incluían, ademáis da piscina, vestiarios e zona de solárium e servizo de socorrismo.
Segundo a concelleira de Deportes, María Nogareda, este ano “batíronse todos os records chegando a días no que a asistencia foi de máis de 300 persoas e o maís importante sen ter que lamentar incidencias de gravidade”.
O día que máis usuarios fixeron uso da piscina foi o 22 de xullo cando 350 persoas se achegaron ata á Pía do Loureiro. Pero ademáis 16 días pasáronse dos 200 usuarios/día e 44 días pasaronse dos 100 usuarios/día, convertendo esta actividade de lecer, promovida pola concellería de Deportes, como unha das máis exitosas do verán en Sada.
O alcalde de Sada, Benito Portela, lembra que desde a chegada ao mandato deste goberno “logramos un convenio de colaboración coas Cerámicas do Castro para o uso e disfrute da piscina por parte dos veciños e veciñas de Sada que como comprobamos ano tras ano está a resultar unha das iniciativas máis demandadas na tempada estival pola ciudadanía”.
No capítulo de asistencias se rexistraron 46 incidencias, todas moi leves como rozaduras e pequenos cortes superficiales nos 67 días de apertura onde a media de asistencia á Pía do Loureiro foi de aproximadamente de 133 usuarios diarios. Non houbo incidencias graves polo que non foi necesario chamar a ambulancia ou ao 112.