Pedro Blanco comprometeuse a trasladar ao Ministerio para a Transición Ecolóxica as demandas do Concello quen ultima os trámites administrativos para poder avanzar na execución desta obra imprescindible para o noso municipio
O alcalde de Sada, Benito Portela, acompañado do concelleiro de Obras e Servizos, Fernando Fariña, mantivo esta mañá un encontro co Delegado do Goberno, Pedro Blanco, no que abordaron os últimos avances no proxecto de melloras estruturais para a redución do risco de inundación dos no casco urbano do noso municipio.
Durante o encontro, Pedro Blanco analizou co rexedor as necesidades para sacar adiante esta iniciativa e comprometeuse a trasladar ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico as demandas do Concello. O rexedor recordou que Concello e Augas de Galicia manteñen o seu compromiso para executar este proxecto. “Estamos a falar dunha obra fundamental para a nosa vila, para minimizar un risco real de inundacións. Mais tamén estamos a falar dun ambicioso proxecto de naturalización dos espazos urbanos que encaixa nas liñas de actuación que ven marcado Europa dende hai anos e que defende o goberno central”.
A iniciativa ten como obxectivo diminuír o risco de inundación aumentando a capacidade hidráulica do río ao tempo que se recuperan as condicións ambientais dos leitos. A través de varias accións mellorarase a calidade ambiental das contornas fluviais ata o máximo posible dos ríos Maior e Fontoira como hábitats naturais. Ademais, preténdese realizar unha restauración cultural fluvial que recupere os valores inmateriais dos ríos e poña en valor a presenza destes leitos na vida e na historia do municipio.