"A exclusión da obra da praia nos Orzamentos do Estado para o 2017 ven a sumarse á negativa da Xunta a conveniar a execución das obras que dean solución ao risco de inundacións. Sada está a ser marxinada pola Xunta como polo goberno do Estado", declarou o alcalde, Benito Portela.
"Se os gobernos da Xunta e do Estado non atenden as demandas da cidadania de Sada será o tempo das mobilizacións en defensa do que é xusto, urxente e necesario", afirmou Benito Portela.
Sada, 5 abril 2017.
O alcalde de Sada, Benito Portela, e o goberno municipal que preside lamentan profundamente que o goberno do estado non incluíse unha partida específica nos orzamentos do estado 2017 para a rexeneración da praia de Sada a pesar da reiteración do compromiso con Sada que desde o Ministerio de Agricultura, Pesca, Alimentación e medio Ambiente veuse transmitindo ata agora.
"A exclusión da obra da praia nos Orzamentos do Estado para o 2017 ven a sumarse á negativa da Xunta a conveniar a execución das obras que dean solución ao risco de inundacións. Sada está a ser marxinada pola Xunta como polo Goberno do Estado", declarou o alcalde, Benito Portela.
O feito de que o goberno do estado anunciase no Boletín Oficial do Estado a licitación da primeira fase da actuación ambiental na praia de Sada un día antes das pasadas eleccións municipais confirma as sospeitas do goberno municipal de que todo o anunciado foi un engano aos veciños e veciñas do municipio ao non adxudicarse a licitación no último ano medio sumado á non inclusión nos orzamentos xerais do estado para este ano dunha partida específica para a rexeneración da praia.
"Se os gobernos da Xunta e do Estado non atenden as demandas da cidadania de Sada será o tempo das mobilizacións en defensa do que é xusto, urxente e necesario", afirmou Benito Portela.
Aínda que se anunciaba un día antes das pasadas eleccións municipais que “as obras está previsto que comecen no último trimestre de 2015”, o certo é que a “Actuación ambiental na ría do Perdido, fase I, Praia de Sada” cun orzamento base de licitación de 2.040.161,15€, leva parada desde 4 de setembro de 2015 cando se abriron as proposicións presentadas por oito empresas que se presentaron á licitación.
Desde ese momento o alcalde de Sada, Benito Portela, veu reuníndose en distintos organismos para logar un compromiso da administración do estado ante a tardanza da adxudicación que acumula ano e medio de atraso.
A primeira das reunións mantívoa o alcalde co xefe da demarcación de Costas de Galicia, Rafael Eimil, o 22 de xuño de 2015. Na devandita reunión Eimil confirmou o comezo da obra da rexeneración da praia de Sada en xullo de 2016.
Ademais anunciouse por parte de Costas de Galicia que se habilitaría unha partida de 240.000 euros para desenvolver un traballo de control ambiental e coordinación de seguridade e saúde durante a execución das obras do proxecto e posteriormente á rexeneración no ámbito da praia das Delicias.
Debido ao atraso na adxudicación das obras, o alcalde de Sada, Benito Portela, reuniuse en setembro de 2016 coa directora xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar, Raquel Orts, quen lle asegurou o compromiso do ministerio para a continuación do proxecto “que terá, segundo Orts, o seu comezo efectivo o próximo ano 2017”.
Un mes despois Portela enviaba unha carta á recentemente nomeada ministra de Agricultura, Isabel García Tejerina , indicándolle “a preocupación dos veciños e veciñas do concello de Sada que polo atraso que acumula o proxecto Actuación ambiental na Praia de Sada”.
O alcalde de Sada lembráballe á ministra a reunión mantida coa directora xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar, Raquel Orts, onde se asegurou o compromiso de seguir “coa tramitación da licitación axiña que houbese novo goberno e nomeásese o novo gabinete”.
Recentemente, o pasado 21 de marzo, Portela volvía escribir á ministra García Tejerina para trasladarlle “a indignación de toda a sociedade sadense, goberno e veciñanza, polo atraso de ano e medio que acumula a adxudicación das obras da citada actuación unha vez realizada a apertura de ofertas”.
O alcalde lembráballe á ministra que pasaran seis meses desde a reunión coa directora xeral de Sustentabilidade e “catro meses desde a súa toma de posesión como ministra de Agricultura, Pesca e Alimentación e Medio Ambiente e en Sada seguimos sen ter noticias desta actuación ambiental que como lle expresei anteriormente é de vital importancia para o devir de Sada, municipio que leva aproximadamente 11 anos tentando converter o areal urbano nun lugar de uso e goce da cidadanía. Sada necesita urxentemente esta actuación ambiental no noso areal que potenciaría outras actuacións que seguro impulsarían a creación de emprego e a cultura emprendedora”, sinalaba Portela.